O goberno de Vigo achega 606.000 euros ás asociacións de nais e pais de alumnos
Informou Abel Caballero da aprobación da subvención a Foanpas, máis de 600.000 euros para actividades extraescolares e axudas de comedor escolar para o alumnado. Ademais, o goberno de Vigo amplía a un mes o prazo para optar ás 900 prazas do programa “Vigo en inglés” para estudantes de ESO.
Segundo indicou o alcalde en rolda de prensa celebrada este venres, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á subvención mediante convenio entre o Concello e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos, Foanpas, para o presente ano 2020, por importe lixeiramente superior aos 606.000 euros.
O Concello de Vigo contribúe así aos gastos derivados das actividades extraescolares que organizan nos propios colexios e presta axudas de comedor escolar do alumnado nos centros públicos de Infantil e Primaria. Para apoiar económicamente ás familias nos custos do comedor e dos libros escolares, a administración presidida por Abel Caballero conta con outra liña de axudas a través do departamento municipal de Benestar dotada con 1,2 millóns de euros.
Tamén en materia educativa, o goberno de Vigo modificou as bases de adxudicación das 900 prazas do programa municipal de inmersión lingüística “Vigo en inglés” para alumnado de 3º de ESO. Co cambio, explicou o alcalde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a contar desde a publicación da modificación no BOP. A estimación municipal é que esta poida ser publicada a comezos da próxima semana, cun mes de prazo para optar desde entón.
O Concello de Vigo conta tamén con outro programa de estudo de idiomas no estranxeiro para o alumnado da sede viguesa da Escola Oficial de Idiomas, con preto dun centenar de vacantes. O orzamento municipal para ambos programas supera os dous millóns de euros.
Igualdade
Trasladou o alcalde outras dúas decisións tomadas na Xunta de Goberno Local en materia de igualdade, como son a reanudación dos contratos de servizos de xestión e dinamización da Casa das Mulleres (situado na rúa Romil) e do Centro de Documentación de Recursos Feministas do Concello, emprazado no segundo andar do edificio da Biblioteca Juan Compañel, no Casco Vello vigués.