O Concello envía á Xunta as aclaracións solicitadas sobre o borrador do PXOM
O goberno local insta á Xunta a continuar coa tramitación da Avaliación Estratéxica Ambiental unha vez que o Concello enviou á Xunta as aclaracións que lle solicitou sobre o PXOM. O Concello xa enviou o informe coas puntualizacións requiridas, ademais do texto refundido do borrador e o documento inicial estratéxico.
Despois das aclaracións solicitadas pola Dirección Xeral de Urbanismo no primeiro trámite do proceso de avaliación estratéxica ambiental do PXOM, o Concello remitiu esas puntualizacións hoxe mesmo, co obxectivo de axilizar o proceso ao máximo. Tal e como explicou o rexedor, enviouse un informe respondendo a todas as aclaracións solicitadas pola Xunta no seu informe positivo sobre o borrador do Plan Xeral de Vigo, ademais do texto refundido do borrador e do documento inicial estratéxico. Deste xeito, o goberno local insta á administración autonómica a continuar coa tramitación da Avaliación Estratéxica Ambiental "un proceso que queremos que vaia rápido dada a súa importancia". Na habitual rolda de prensa virtual, Caballero volveu cualificar o PXOM como un plan "excepcional que atende á cidade, con vivenda, humanizacións e zonas verdes, un plan para facer unha nova cidade", concluíu.