Escoitar

A Corporación aproba por unanimidade modificar o Orzamento e elevar as axudas sociais para o Covid-19 en 870.000 euros

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores na súa sesión ordinaria de maio unha modificación orzamentaria para dotar ao departamento de Benestar Social unha nova partida de 870.000 euros. O goberno local destacou que no primeiro trimestre do ano xa se comprometeron máis de 130 millóns do orzamento.

mércores, 27 mai 2020
O alcalde, no pleno da Corporación.
O alcalde, no pleno da Corporación.

O Pleno da Corporación de Vigo aprobou por unanimidade a modificación orzamentaria por unha contía de 870.000 euros para facer fronte aos gastos sociais xerados pola crise sanitaria da pandemia do Covid-19. Todos os grupos políticos deron o seu apoio á proposta defendida polo concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, e así recibiu o visto e prace a nova partida que será dedicada a dar cobertura a colectivos, persoas e familias en situación de vulnerabilidades.

Houbo acordo inicial para que a Corporación debatese de forma conxunta todos os puntos do orde do día relativos a Orzamentos e Facenda e a votar a modificación. O goberno local defendeu a necesidade de elevar as axudas sociais en 870.000 euros e todos os voceiros deron o visto bo.

Jaime Aneiros explicou que os acontecementos os últimos meses fixeron necesario o cambio orzamentario e tamén ofreceu as cifras sobre Tesourería, Intervención e execución. Así, destacou que non houbo reparos ao control interno de 2019 nin á Memoria do Tribunal Económico-Administrativo do exercicio 2019, cando houbo 21 sesións e resolveu 168 reclamacións.

No relativo ás actuacións económicas e á información orzamentaria ao 1 de marzo, o concelleiro socialista sinalou que xa hai un compromiso de gasto de máis de 130 millóns de euros, o que supón case a metade do Presuposto de 2020. Jaime Aneiros tamén puxo en valor o período de pago a provedores, que foi de 9 días en abril, e todos os gastos e axudas sociais levadas a cabo pola crise do Covid-19.

Xabier Igrexas, concelleiro non adscrito, recoñeceu “as boas cifras e datos” de pago a provedores e avogou por mantelas durante os vindeiros meses, pero asegurou que o goberno local “é unha máquina de fabricar remanentes”. Así, solicitou un maior esforzo para executar os orzamentos e deu o seu apoio á modificación para incluír a nova partida social.

No caso do voceiro do grupo Mixto, Rubén Pérez, insistiu tamén na necesidade de elevar a execución orzamentaria e pediu “aproveitar” a situación de crise sanitaria para convertela nunha “oportunidade”. Desta maneira reclamou a posibilidade de utilizar o superávit e lamentou a actuación da Xunta por “dispoñer de 60 millóns transferidos e seguemos sen saber nada”.

Por último, Alfonso Marnotes, voceiro do grupo municipal do PP, apoiou tamén a modificación orzamentaria pero insistiu en que “hai que facer unha revisión completa para utilizar o diñeiro en axudas” aos vigueses e aos sectores económicos.

Descargar todas as imaxes