As cidades reclaman un fondo estatal contra o impacto económico do coronavirus no transporte público
As restricións no uso do transporte colectivo pola pandemia están a derivar en “enormes déficits” que poden chegar aos mil millóns en España, uns dez millóns no caso de Vigo, segundo estimou este xoves Abel Caballero. Vigo e as maiores urbes de España pediron ao ministro Ábalos un fondo para palialo.
Como presidente da FEMP e alcalde dunha das cidades españolas con máis de 250.000 habitantes, Abel Caballero participou onte mércores nunha reunión por videoconferencia co ministro de Transportes, José Luís Ábalos, na que abordaron o proceso de desescalada no transporte colectivo e as consecuencias económicas derivadas da práctica paralización do servizo público pola crise do Covid-19.
“O Goberno de España debe crear un fondo de transporte para atender e apoiar aos concellos a soportar o enorme déficit que nos están xerando as empresas de transporte”, asegurou Abel Caballero este xoves en rolda de prensa. O alcalde e presidente da FEMP estimou o impacto nuns mil millóns para as urbes españolas, uns dez millóns no caso do autobús urbano vigués.
Ao respecto, e segundo trasladou Caballero, o ministro Ábalos tomou nota, afirmou que están considerando eventuais axudas e pasará a demanda municipalista ao Ministerio de Facenda para as reunións que mantén periodicamente coas autonomías e agora tamén coas cidades, porque “a mobilización máis importante do transporte público se produce nas grandes cidades”.
Xunto a Vigo, na cita con José Luís Ábalos estiveron tamén os alcaldes de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Málaga, Murcia, Palma, As Palmas de Gran Canaria, Bilbao, Alicante, Córdoba, Valladolid e Xixón, os vicepresidentes da FEMP (a alcaldesa de Toledo e o alcalde de Estepona), o máximo responsable da Comisión de Transportes e Mobilidade da Federación (o teniente de alcalde de Bilbao), a alcaldesa da L’Hospitalet e o rexedor de Vitoria.
Guía
Xunto á cuestión económica, grandes urbes e Ministerio analizaron o uso dos medios de transporte público nas distintas etapas da desescalada. Explicou o alcalde vigués que na reunión multilateral se traballou sobre as medidas de seguridade nas viaxes, o acceso e pago, o mantemento dos aforos indicados no interior ou os tempos nas paradas, por exemplo.
Abel Caballero avanzou que se emitirá unha guía para coñecemento xeral, cuestións das que Vitrasa xa ten coñecemento e ten que facer cumprir nos desprazamentos no autobús urbano vigués, como o control do aforo no interior: “Os condutores están obrigados a facelo”, certificou.