O goberno local aproba o proxecto para humanizar espazos anexos á Estación do AVE
O proxecto para humanizar as zonas intersticiais entre a Estación do AVE e os accesos viarios, o nó intermodal e a Praza da Estación foi aprobado este xoves na Xunta de Goberno do Concello de Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que a Xunta de Goberno Local do Concello aprobou o proxecto de obras de urbanización dos espazos intersticiais da estación do AVE. O orzamento de licitación é de 1.227.650€ e o prazo estimado das obras é de 14 meses.
Segundo indicou en rolda de prensa, o obxecto da obra é transformar os espazos anexos situados entre a futura estación de autobuses, a estación de tren, o centro comercial Vialia e a remodelación dos accesos e a AP9 converténdoos nun espazo público e urbano de calidade. Así, o proxecto inclúe que as zonas sexan humanizadas con áreas verdes e de recreo.
A humanización dos intersticiais inclúense dentro da addenda ao convenio entre Adif, Concello e Xunta. Este convenio a tres bandas dispón que o 74 por cento do gasto corresponda a Adif, o 21 por cento ao Concello e o 4 por cento restante á Xunta de Galicia. Ademais, a licitación dos accesos xa foi aprobada o pasado mes de outubro cun importe de 11,8 millóns de euros cun prazo de execución de 17 meses.
As obras de accesos á nova estación de Urzáiz inclúen tamén o túnel de saída da rúa Lepanto á AP9, a conexión da AP9 co centro Vialia e coa estación de autobuses, a entrada e saída da autoestrada, instalacións e balizamentos. Neste caso o orzamento de licitación é de 11.843.405 euros.