Escoitar

Os cemiterios municipais, abertos desde este xoves coas limitacións do estado de alarma

Como a outro espazo público, polo de agora só pode acceder quen resida no radio dun quilómetro de distancia dos camposantos. No ámbito do benestar, Caballero apunta que “non hai límite orzamentario para a axuda social”

xoves, 7 mai 2020

O alcalde anunciou que desde este xoves pola mañá os cemiterios municipais están abertos ás visitas da cidadanía, condicionadas á lei e á norma estatal vixente nestes momentos que as limita a un desprazamento dentro dun quilómetro de distancia do domicilio, igual que ocorre cos paseos por praias ou parques.

Abel Caballero amosouse confiado na posibilidade de que esta situación cambie o luns cando “poidamos pasar á fase 1 da desescalada porque a zona de Vigo creo que reúne todas as condicións e confío en que o Goberno de España nos autorice como conxunto de provincia”. Neste caso, as restricións poderían verse modificadas.

Benestar social

O goberno municipal vén de aprobar 26 axudas de emerxencia cun importe de 7.600 euros, o que supón un reparto diario de entre 5.000 e 10.000 euros, e no referente á entrega de comidas a domicilio, hoxe serán 609. Amais, hai 147 persoas aloxadas nos albergues e pavillóns e vanse engadindo permanentemente demandas de bolsas de comedor para familias que o precisan, mantense a atención a maiores e a entrega de tarxetas da solidariedade cada día.

O rexedor sinalou que “non estamos deixando a ninguén sen atender. O principio de política social que estamos aplicando é que en Vigo non hai límite orzamentario para a axuda social e vou mantelo todo o ano”.

Amais, o Concello continúa coa campaña de entrega de ordenadores na que suma 670 solicitudes de equipos por parte dos centros escolares da cidade para quen o Concello xa dispón de 285 ordenadores doados. Caballero valorou o “éxito” da campaña e chamou á solidariedade cidadá para que sigan chamando ao teléfono 010 para doar os equipos que teñan en desuso.

Lembrou a colaboración da empresa Revertia, que repara e acondiciona os equipos que o goberno local entrega aos centros; a colaboración de Vodafone que cedeu 50 liñas de conexión a Internet para o alumnado e a de EDNON e Imatia Innovation SL, que doaron 50 ordenadores.

Controis da Policía Local

En canto aos controis realizados onte mércores pola Policía Local para garantir o cumprimento do estado de alarma, denunciáronse 36 persoas con intervencións nunha cafetería que estaba aberta, a actuación con tres persoas sen fogar reunidas na vía pública, unha persoa lavando o coche nun lavadoiro na rúa ou outra molestando á pasaxe dun autobús urbano.