A “app Vigo” incorpora unha sección sobre o Covid-19 con toda a información sobre a pandemia
O alcalde comunicou que a aplicación móbil do Concello permite calcular o radio de 1 quilómetro para os paseos e coñecer as rúas peonís os domingos e festivos, por exemplo. O usuario pode acceder a información de axudas públicas, medidas tributarias, evolución da pandemia, vídeos explicativos e actividade cultural e deportiva desde casa.
Abel Caballero informou este xoves da sección aberta na “app Vigo” sobre o Covid-19, unha plataforma que congrega unha “inmensa información” e ferramentas prácticas para a cidadanía ante a crise. Hoxe xoves estará dispoñible a última actualización dunha aplicación descargada xa en máis de 60.000 dispositivos e que recibe unha valoración de 4,5 sobre 5 puntos en Android e de 4,9 sobre 5 puntos en iOS.
O Concello, desde a citada app, ofrece contidos da actualidade municipal sobre o coronavirus -con novas e avisos- e información sobre axudas e asesoramento, entre as que se inclúen os apoios a familias e persoas sen recursos, violencia de xénero, decisións tributarias como o aprazamento dos impostos municipais, as medidas aprobadas para autónomos e PEMES ou de orientación laboral.
Os usuarios dispoñen tamén dun apartado sobre as saídas da poboación no estado de alarma: horarios, unha ferramenta de cálculo dun quilómetro desde unha dirección determinada, un mapa coas zoas peonís os domingos e festivos, unha guía de bos hábitos de paseo cos menores e un vídeo explicativo ao respecto.
A sección recolle as accións de voluntariado e participación para axudar a colectivos desfavorecidos, as ofertas de bens e subministros e acceso a programas de cultura e deporte desde casa, incluíndo as dos MaisqueAuga. O alcalde animou á cidadanía a consultar a aplicación para ver os vídeos informativos sobre o Covid-19 do Ministerio de Sanidade, seguir as principais webs de referencia oficiais sobre a enfermidade e consultar a evolución nacional e internacional da pandemia, con mapas e gráficos.
Por outro lado, a “app Vigo” vén de incorporar recentemente algunhas funcións ou actualizacións, como o acceso ás cámaras e incidencias da Dirección Xeral de Tráfico en Vigo, información en tempo real das prazas libres nalgúns aparcamentos soterrados da cidade ou unha mellora na interfaz da información metereolóxica, cunha sección renovada e información de temperatura por horas.