Escoitar

O Concello activa unha campaña de entrega de ordenadores a alumnado de Primaria da cidade

O rexedor fai un chamamento á cidadanía para que doe os equipos que teñan en desuso ou dispoñibles a través do teléfono 010 e explicou que un “número importante” de colexios carece de ordenadores para que o alumnado poida seguir a docencia online.

luns, 27 abr 2020

O Concello inicia este luns unha campaña de recollida de ordenadores para entregar aos centros educativos de Primaria de Vigo. Segundo expuxo Abel Caballero, logo de manter conversas con directores de centros escolares e de pais e nais do alumnado, detectaron que hai un “número importante” deles que carece destes equipos poder seguir a docencia telemáticas desde as súas casas, constatando tamén que a Xunta de Galicia non facilitou ordenadores aos colexios.

O alcalde solicita a tódalas persoas e empresas que queiran colaborar coa campaña e que teñan ordenadores en desuso ou dispoñibles que chamen ao teléfono 010. Será o Concello quen recolla a domicilio os equipos, que despois acondicionará a empresa Revertia e que finalmente serán entregados aos centros educativos de Primaria da cidade para o alumnado que o precise.

Segundo informou Caballero, a empresa Vodafone doou 50 liñas de conexión a Internet con servicio ata o mes de xuño e o Concello recibiu tamén a doazón de 50 ordenadores da empresa EDNON e de Imatia Innovation para poñer a disposición dos centros educativos.

Amais, hai outras empresas viguesas que están colaborando na campaña: Emite Networks  (Teixugueiras), Iwave (Freixo-Sárdoma) e Polygon-e Vigo (López de Neira) do sector da informática e Infodoco infraestructuras y seguridad informática, situada na rúa Pereiro, ofrece soporte a domicilio gratuíto ás familias que reciban ordenadores. Así mesmo, a campaña conta con alumnado voluntario para a posta a punto dos equipos informáticos da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, da Asociación IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers) da UVigo e do Equipo Uvigo Motorsport.