Escoitar

Caballero cita ás federacións autonómicas de municipios para abordar o desconfinamento

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP mantén na tarde deste venres unha entrevista cos responsables das federacións autonómicas de municipios para intercambiar experiencias e preparar unha desescalada que será “asimétrica”. Abel Caballero quere crear un canal de traballo similar ao establecido entre a FEMP e o Goberno de España.

venres, 24 abr 2020

Coa excepción de Euskadi -que non está integrada na Federación Española de Municipios e Provincias-, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP celebra na tarde deste venres unha videoconferencia cos responsables das federacións de municipios de cada autonomía para abordar o proceso de desescalada.

A reunión servirá para a posta en común da función dos concellos na pandemia, que, segundo concretou Caballero, pasa pola a acción social e a demanda de usar o superávit e o aforro municipal para a reconstrución social e económica post coronavirus. Tamén se intercambiarán opinións sobre a forma de afrontar o desconfinamento, que será “asimétrica” en función da incidencia do Covid-19 nos distintos territorios.

Ao respecto do proceso, o alcalde de Vigo recordou que a FEMP estableceu un grupo de traballo político-técnico co Goberno de España, en particular coa vicepresidencia que encabeza Teresa Ribera e cos ministerios de Sanidade e de Política Territorial, encabezados por Salvador Illa e Carolina Darias respectivamente. A idea de Caballero é replicar o modelo, neste caso coas federacións autonómicas de municipios.

A modo de exemplo, o rexedor vigués explicou que as cidades deberán valorar como adaptar a progresiva apertura no transporte público, no comercio e a hostalería. Co ditame do Goberno de España, a FEMP trazará unhas pautas xerais de actuación que cada federación autonómica poderá aplicar en función das circunstancias particulares.

Abel Caballero considera positivo que chegar a acordos no proceso de desescalada e tamén na posterior reconstrución social e económica, e ve “imprescindible” exportar ás federacións autonómicas de municipios o modelo FEMP - Goberno de España, buscando esa “marcha conxunta” con cada autonomía.