Caballero valora o “comportamento correcto” da cidade no primeiro día de saída dos nenos
Onte domingo, primeira xornada con saídas controladas dos menores de 14 anos, a Policía Local non impuxo denuncia algunha a pais ou nais por incumprimento. O alcalde insistiu este luns en aconsellar “máis atención, precaución e cautela que antes” porque “a etapa máis complicada será a desescalada”.
Os axentes da Policía Local de Vigo cursaron onte domingo un total de 14 denuncias, ningunha destas por incumprimento das normas de saída dos e das menores de 14 anos, segundo apuntou o rexedor, quen valorou o “moi bo comportamento” dos pais e nais.
Engadiu Abel Caballero que a Policía Local mantivo onte unha presenza “moi especial e intensa” nas rúas, con revisión das prazas públicas, dos parques infantís e forestais, e en espazos como Navia, por exemplo. Así, predominou o “comportamento correcto” e os axentes non tiveron que presentar denuncia algunha.
Sen ter que ver cos menores, as sancións presentadas onte ascenderon a 14, a cifra diaria máis baixa desde o inicio do estado de alarma, tal e como asegurou Abel Caballero. Entre os denunciados, dous mozos sentados nas rochas ou dúas persoas no paseo de Samil.
O alcalde insistiu este luns en reclamar á cidadanía “máis atención, precaución e cautela que antes”, porque comeza a saída ás rúas e “a etapa máis complexa será a desescalada”. Advertiu Caballero que “o principio máis importante é que temos que camiñar na resolución e non ter que dar marcha atrás”, para conseguir dar “pasos adiante na desescalada e na actividade económica sen que se produza un repunte e teñamos que retroceder, que sería o peor que nos podía pasar”. Concluíu Caballero que “o virus está aquí, non nos confiemos”.