Escoitar

O alcalde creará un comité asesor técnico para definir os pasos da desescalada da crise en Vigo

Abel Caballero anunciou este luns que creará un comité asesor técnico, formado por persoas do ámbito médico, universitario e administrativo, para definir os pasos que se van dar na desescalada da crise. “Temos que empezar a decidir o ritmo, a forma, sectores, prazos e tempos”, asegurou.

luns, 27 abr 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, adiantou este luns que formará o seu propio comité asesor técnico para abordar as decisións que debe tomar desde o Concello na desescalada da crise sanitaria provocada pola pandemia do Covid-19.

“Ata agora as decisións eran sanitarias, pero todo cambia, comezamos a tomar decisións que non son exclusivamente sanitarias, senón que son respecto ao tamaño, ritmo, forma, sectores, prazos e tempos de desescalada”, sinalou o rexedor en conferencia de prensa.

Caballero aclarou que unha parte das medidas veñen impostas pola autoridade sanitaria de España, pero outra será determinada en cada territorio. “Para tomar estas decisións vou a facer un consello asesor do alcalde con médicos, enfermeiros, investigadores e técnicos do Concello”, apuntou.

Dito comité estará formado por un total de 15 persoas do ámbito médico, administrativo e universitario. “O que pretendo é ter o meu propio consello, porque comezo a escoitar opinións que non comparto e quero un consello que me diga por onde temos que ir”, insistiu.

Descargar todas as imaxes