O Concello activa un portal de datos abertos e un de datos xeográficos para uso cidadán
Abel Caballero explicou a posta en marcha destes novos portais de información pública municipal que permiten avanzar no goberno aberto, transparencia e consolidación das iniciativas smart city.
Desde hoxe o Concello ofrece dúas novas posibilidades de obter información sobre a cidade a través do portal de datos abertos https://datos.vigo.org e do portal de datos xeográficos https://mapas.vigo.org. Segundo expuxo o rexedor, ámbalas webs permiten a descarga directa de información dispoñible no Concello e útil para a cidadanía.
No caso do portal de datos abertos (https://datos.vigo.org), que se inclúe na plataforma Vigo Cidade Intelixente e conta con cofinanciación de fondos FEDER de crecemento sostible dentro do proxecto Vigo Vertical, permite o acceso a información pública municipal en formato reutilizable co fin de axudar ao desenvolvemento da innovación na cidade, ao avance no goberno aberto, á transparencia e á consolidación das iniciativas smart city. Así, axudará a universidades, investigadores e emprendedores que queiran usar datos da cidade, mesmo para estudar a emerxencia sanitaria do Covid-19.
O catálogo inicial de datos abertos ofrece máis de 140 elementos catalogados distribuídos por categorías: comercio, ciencia e tecnoloxía, cultura e ocio, demografía, deportes, educación, enerxía, medio ambiente, mobilidade, turismo, urbanismo, sector público, seguridade e sociedade e benestar.
No caso do portal de datos xeográficos do Concello (https://mapas.vigo.org) permitirá os usuarios utilicen máis de 50 recursos xeográficos con datos abertos da cidade mediante mapas temáticos e interactivos en formato reutilizable. Tódolos datos están dispoñibles en formato aberto e como servizo de datos para integralos en desenvolvedores de software e emprendedores.