Escoitar

A Policía Local sancionou este luns a outras 29 persoas por saltarse o confinamento

Ademais, e xunto á Policía Nacional, os axentes continúan este martes repartindo máscaras de protección entre a cidadanía. O alcalde reclamou á Xunta de Galicia o envío de EPIs para o persoal que atenda o Seminario, habilitado polo Concello para acoller positivos en coronavirus derivados polo SERGAS

martes, 14 abr 2020

En rolda de prensa por videoconferencia, Abel Caballero deu conta das propostas de sanción impostas onte luns pola Policía Local a persoas que incumpren os requisitos do estado de alarma.

Foron denunciadas outras 29 persoas este luns, segundo informou. A cifra diaria vai diminuíndo progresivamente, seguramente porque os cidadáns son conscientes da gravidade para a saúde de romper o illamento, segundo a valoración feita este martes polo alcalde.

Por outra banda, a Policía Local e a Nacional continúan este martes co reparto de máscaras de protección para a cidadanía. A entrega está enfocada principalmente nos centros de traballo e na mobilidade dos empregados, tanto no transporte público como privado. Así, Abel Caballero informou dos puntos de reparto este martes: os estaleiros Barreras e Metalships, a Praza de América, a farola de Urzáiz, o cruce dos Choróns, Camelias, García Barbón, a estación de autobuses, a estación marítima e a zona portuaria do Berbés.

Seminario

O alcalde instou novamente á Xunta de Galicia a remitir ao Concello de Vigo os equipos de protección individual (EPIs) para o persoal que prestará a atención no Seminario, o espazo habilitado polo goberno vigués para acoller aos enfermos de coronavirus que lles remita o Sergas.

Abel Caballero recordou que o Concello adicou 60.000 euros para preparar o inmoble da Avenida de Madrid, “un diñeiro ben gastado” que permite dispoñer de 16 habitacións individuais con baño propio. O alcalde lamentou que polo de agora non poidan recibir a positivos en Covid-19 ao faltar os equipos de protección individual.

“A Xunta non está coordinando razoablemente a súa acción con esta cidade”, constatou Caballero, quen censurou que o executivo autonómico encargou “de urxencia” ao goberno de Vigo ter un espazo listo para atender a enfermos de coronavirus remitidos polo Sergas e agora non dota dos EPIs necesarios. “Insto á Xunta a que mellore a súa actividade en relación a este tema”, concluíu o rexedor vigués.