O Concello activa medidas de prevención contra o coronavirus
O goberno de Vigo ordena reforzar a limpeza e desinfección no transporte público, centros educativos e instalacións municipais, con atención especial ás superficies de contacto, e apraza actividades deportivas e os actos previstos polo 8-M. Tamén prima a atención telefónica e telemática para evitar aglomeracións no Concello. Abel Caballero: “Temos que previr, sen xerar alarma, pero actuar”.
O alcalde anunciou este mércores a adopción de varias medidas para tratar de mitigar a expansión do coronavirus entre a poboación, principalmente reforzando a limpeza, aprazando algunhas actividades e primando a atención á cidadanía a través do teléfono ou Internet.
“Temos que previr”, afirmou Caballero, “sen xerar alarma, tomalo todo con sosego, tranquilidade e cautela pero actuar. Non nos podemos quedar quietos nin nos vamos quedar quietos”, asegurou. En Vigo non existe actualmente unha gran incidencia de casos de coronavirus detectados pero “isto é dinámico e polo tanto hai que permanecer atentos, con atención ao que nos digan as autoridades sanitarias e ao sentido común”, sentenciou.
Nas instalacións municipais, o Concello ordenou ás empresas de limpeza extremar as medidas de hixiene e desinfección. Así, a limpeza terá lugar durante a xornada laboral e con especial atención nas superficies de contacto, como poden ser os mostradores, reorganizando o traballo de persoal e aumentándoo de ser preciso.
No ámbito educativo, o goberno de Vigo activa o protocolo de reforzo de limpeza e desinfección de todas as superficies que entran máis en contacto co alumnado e profesorado, coma os taboleiros, cadeiras, mesas, pomos ou baños. Así será nas oito escolas infantís do Concello, nas escolas de titularidade municipal e nos centros públicos de Educación Infantil e Primaria, onde tamén se distribuirán dispensadores de desinfectante de mans.
O Concello trasladará ao persoal municipal unha serie de recomendacións xerais e información sobre prevención nos centros de traballo, que estará dispoñible a través da Intranet municipal, na web do Concello e será trasladada a todos os servizos municipais.
Ademais, o goberno de Vigo quere evitar as concentracións de persoas na lonxa da casa consistorial da Praza do Rei, e primará a atención telefónica e telemática. O modo preferente para optar ás axudas contra os desafiuzamentos será o rexistro electrónico, na web do Concello, e para todos aqueles que carezan de medios para tramitala online terán que pedir cita previa no teléfono gratuíto 010, onde se lles dará cita previa con tempo suficiente para evitar aglomeracións. Ademais, desde o luns a atención nas UTS será preferentemente telefónica e a que presta de urxencia o goberno de Vigo na planta baixa do Concello terá lugar na lonxa e con quenda. A fiestra de Vitrasa no Concello tamén atenderá ao público con cita previa telefónica.
Precisamente o transporte público tamén verá reforzada a súa limpeza. Segundo explicou o alcalde, se remitirá unha instrución aos taxis para que, despois de cada servizo, sexan desinfectados os elementos de contactos dos usuarios. No autobús urbano, os vehículos serán desinfectados cada día cun produto específico ao efecto, con atención especial ás superficies de contacto (asentos, barras, timbres, posto do condutor...). Nos autobuses se valora ademais poñer desinfectantes de mans -en función tamén da dispoñibilidade-.
Aprazamentos
Abel Caballero informou do aprazamento dos actos programados no marco da celebración do Día Internacional da Muller, entre os que restaban por celebrarse a entrega do premio Ernestina Otero de igualdade, proxeccións de filmes ou concertos.
No eido deportivo, o open de Vigo da World Padel Tour queda suspendido así como a Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa área, aprazada, e que ía ter lugar na tarde deste mércores. Amais, posponse durante dúas semanas a liga escolar de natación (cunha proba afectada, prevista para este domingo) e o circuíto de cross escolar (con dúas probas alteradas, unha cada domingo). Abel Caballero non descartou a posibilidade de suspender máis eventos deportivos.
Reconquista
O acto de entrega dos Vigueses Distinguidos e a festa da Reconquista deste ano van ser avaliados por parte do goberno de Vigo. O alcalde adiantou que “estamos valorando todas as opcións”, recordou que a Reconquista é unha das maiores festas da cidade e avanzou que se analizará a súa celebración coa asociación veciñal do Casco Vello.