Escoitar

A rúa Príncipe exhibe a mostra fotográfica Terra de soños. Cristina García Rodero

Desde hoxe e ata o próximo 9 de abril, a rúa Príncipe acolle unha mostra fotográfica que recolle a vida cotiá de Anantapur, unha das zonas máis pobres da India. A través dos ollos de Cristina García Rodero, unha das fotógrafas máis prestixiosas no ámbito internacional, poderemos gozar de 40 imaxes coa vontade de contribuír á sensibilización cidadá. O Concello colabora cunha mostra froito do traballo que desenvolveron conxuntamente na India “la Caixa” e a Fundación Ferrer.

martes, 10 mar 2020
Unha das imaxes da mostra
Unha das imaxes da mostra

 

Abel Caballero, alcalde de Vigo; Gonzalo Talegón, director de área de CaixaBank en Vigo; Lancy Dodem, portavoz da Fundación Vicente Ferrer; Susan Santos, delegada da Fundación Bancaria “la Caixa” en Galicia; e Josep Giralt, asesor de exposicións inauguraron hoxe martes Terra de soños. Cristina García Rodero, unha mostra fotográfica que reflicte a vida cotiá dos habitantes de Anantapur, no Estado de Andhra Pradesh, unha das zonas máis pobres da India, onde viven as comunidades máis marxinais e vulnerables do país.

Entre os seus obxectivos, ”la Caixa” traballa para que a sociedade poida achegarse á cultura e ao coñecemento. A divulgación é un instrumento básico para promover o crecemento das persoas, e por este motivo a entidade traballa para achegar o coñecemento a públicos de todas as idades e niveis de formación. Entre estas actividades culturais, ”la Caixa” organiza exposicións itinerantes en aquelas cidades e municipios que non contan cun CaixaForum, coa vontade de contribuír á sensibilización cidadá a través de contidos artísticos, científicos e sociais.

Ademais, co seu programa Arte na rúa, ”la Caixa” pretende converter o espazo público nun museo a ceo aberto, achegando a obra de artistas de renome no panorama internacional. O programa Arte na rúa iniciou a súa andaina en 2006, e desde entón aproximou ao público as creacións de referentes da modernidade como Auguste Rodin ou Henry Moore, así como de artistas contemporáneos como Manolo Valdés, Igor Mitoraj ou, máis recentemente, do fotógrafo brasileiro Sebastião Salgado.

Agora, a entidade presenta, xunto coa Fundación Vicente Ferrer e en colaboración co Concello de Vigo, a mostra Terra de soños. Esta exposición é o froito do traballo que desenvolveron conxuntamente ”la Caixa” e a Fundación Vicente Ferrer na India para mellorar substancialmente as condicións de vida dos máis vulnerables.

Neste marco, convidouse a Cristina García Rodero a documentar as condicións de vida das comunidades de Anantapur. Durante un mes e medio, a fotógrafa visitou hospitais, centros de acollida de mulleres vítimas do maltrato, talleres, colexios e casas, logrando retratos que dan voz a aquelas persoas a miúdo esquecidas: nenos e nenas, persoas con discapacidade e, moi especialmente, mulleres. Nais, campesiñas, costureiras, noivas de distintas confesións, profesoras, enfermeiras e mozas estudantes xogan un destacado papel neste proxecto, xa que representan un dos principais motores da transformación das comunidades de Anantapur.

A mostra profunda no máis sensible e máxico do mundo feminino, así como na forza e a capacidade de superación das mulleres de Anantapur. A fotógrafa achegouse a elas cun respecto reverencial. Obstinada e desmedida, García Rodero soubo mergullarse nese mundo, fundíndose na alegría e o sufrimento de quen encobre con cor e apostura os clarescuros da súa propia existencia.

O resultado do proxecto son 40 instantáneas: un torrente de imaxes representativas das comunidades rurais da India que engaiola pola calidade compositiva e a viveza das súas estampas. Da man da fotógrafa García Rodero, descubrimos a ollada das súas xentes e introducímonos nunha paisaxe que parece suspendida no tempo.

A través da súa obra, a artista propón un particular xeito de ollar a India, un mundo complexo e fragmentado. Cada fotografía constrúe un código visual coherente e, por riba de todo, transcendente: a imaxe que se transforma en arte.

Cristina García Rodero, unha revolución no paradigma do ollar

Cristina García Rodero é unha figura tutelar da fotografía universal, tanto pola súa personalidade como pola repercusión nacional e internacional da súa obra. Nada en Puertollano (Cidade Real) en 1949, licenciouse en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid. Primeira española en entrar na prestixiosa axencia fotoxornalísitca Magnum, entre os seus traballos destaca España oculta, que forma parte da Colección ”la Caixa” de Arte Contemporánea.

Recibiu numerosos premios, entre eles o World Press Photo 1993, o Nacional de Fotografía 1996, o FotoPres ”la Caixa” 1997, o PhotoEspaña 2000, o Godó de Fotoperiodismo 2000, a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2005 e a Medalla de Ouro de Castela-A Mancha 2016, e, recentemente, o PhotoEspaña 2017. É a primeira fotógrafa española en ter un museo propio, na súa cidade natal.

 

Unha das imaxes da mostra
Descargar todas as imaxes