A Porta do Sol queda pechada ao tráfico desde hoxe para construír unha grande praza peonil
O Concello pecha ao tráfico a Porta do Sol para poder acometer o túnel que permitirá converter a zona nunha gran praza peonil. Para facilitar a mobilidade urbana, foi preciso adaptar 17 liñas de autobús urbano.
Abel Caballero deu conta esta mañá do corte de tráfico “total” para todo tipo de vehículos na Porta do Sol durante o tempo de duración da obra, o que cualificou como “día histórico” porque se acaba o tráfico en superficie na que será unha gran praza.
Para o desenvolvemento da obra, foi preciso adaptar 17 liñas de autobús que se desvían por percorridos alternativos. O Concello editou un tríptico informativo cun mapa explicativo no que figuran novas paradas e traxectos das liñas afectadas.
Co fin de favorecer a aplicación destes cambios, durante as primeiras semanas funcionará un dispositivo continuo con inspectores a pé de rúa para comprobar o funcionamento das liñas e para ofrecer información aos usuarios desta reorganización. Vanse repartir máis de 10.000 folletos e os cambios figurarán na web de Vitrasa, nos autobuses e nas principais marquesiñas.
A peonalización da Porta do Sol ten un orzamento de 17 millóns de euros, cofinanciados con Fondos Feder da UE dentro do proxecto proyecto Edusi-Vigo Vertical.