Escoitar

O Concello prevé licitar a obra da Avenida de Madrid no mes de xuño

O alcalde avanzou este prazo logo da reunión mantida esta mañá en Madrid co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana con quen “constatou que os proxectos máis importantes da cidade van a velocidade imparable”

mércores, 19 feb 2020
Abel Caballero e José Luis Ábalos
Abel Caballero e José Luis Ábalos

 

Abel Caballero e José Luis Ábalos abordaron no seu encontro o estado da relación dos proxectos de Vigo co Ministerio constatando que “todos aqueles proxectos que son os máis importantes da historia da cidade e que financia case na súa totalidade o actual Ministerio de Transportes van a velocidade en tempo, prazos e de forma imparable”.

José Luis Ábalos confirmoulle ao alcalde de Vigo que o día 6 finalizou o prazo de exposición pública do proxecto de remodelación da Avenida de Madrid, que dispón dun proxecto redactado por valor de case 300.000 euros, e cuxo orzamento estimado é de 13,4 millóns de euros dos que o Ministerio para dous terzos, case 9 millóns de euros, e o Concello un terzo:4,4 millóns de euros. O Ministerio encargou o proxecto construtivo xa e o goberno municipal será o responsable da licitación da obra que prevé para o mes de xuño, segundo adiantou o alcalde.

En relación ao AVE Vigo-Madrid directo por Cercedo o rexedor sinalou que, por parte do Goberno de España, “continúa en tempo e prazo” dado que xa se está realizando o estudo hidroxeolóxico, coa recollida dos datos polo que os prazos aos efectos da súa finalización contan desde o ano pasado.

Abel Caballero transmitiulle ao ministro Ábalos o acordo acadado polo Concello con ADIF para a transformación dos terreos que posúe o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias en Isaac Peral en zonas verdes deportivas, un “exemplo claro” dos obxectivos da axenda urbana tomando unha parte degradada da cidade e convertela nunha zona verde de ocio e deporte de uso cidadá. Ao respecto das obras da muralla do Castro, confirmaron que xa están iniciadas e contan cun prazo de execución de 7 meses.

O rexedor valorou co ministro a obra da estación de Vialia que prevé empregar a máis de mil persoas e que ten un orzamento de 12 millóns de euros, do que ADIF achega o 75%, o Concello o 21% e Xunta o 4,6%. As obras do túnel desde Lepanto á AP9 comezarán o vindeiro mes de marzo cun prazo de execución de 17 meses. O Concello e o Ministerio de Fomento avanzan tamén no proxecto de humanización dos espazos intersticiais entre a estación e a autoestrada, cun orzamento de 900.000 euros, ao que cómpre sumarlle a urbanización da praza da Estación por un valor de 1,6 millóns de euros que xunto aos núcleos intermodais suma un investimento, a maiores da obra de Vialia, de 3,5 millóns de euros.

En referencia á autovía en túnel a Porriño, dende o Ministerio de Transportes informaron ao rexedor de que a empresa continúa con acopio de datos, xa pediron información ao Concello que constatou que se avanza neste proxecto que supón “acabar unha autovía inacabada”. Sobre a Vía verde, o rexedor trasladou que está en proceso unha nova licitación, logo da renuncia da adxudicataria agradecéndolle ao ministro as facilidades e a cesión do solo.

Ademais, Abel Caballero trasladoulle ao Ministro o proxecto EDUSI que desenvolve o goberno municipal con ramplas, escaleiras e ascensores que se enmarca nunha axenda urbana de eficiencia e loita contra o cambio climático.

Descargar todas as imaxes