Manel Fernández estima que a 10K de Teis, o 1 de marzo, crecerá un 30% ao entrar no Run Run Vigo
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe a 10K de Teis, terceira das doce citas programadas polo circuíto Run Run Vigo de carreiras populares, que nuns dez días levará aos "runners" ao barrio de Teis. Esta segunda edición está fixada para o 1 de marzo ás 10:30 horas
A proba, do mesmo xeito que a anterior disputada, a Calvario 5+5, entra por vez primeira na serie de carreiras desta liga municipal "porque amosou estándares de calidade suficientes e celébrase nunha zona moi importante de Vigo como Teis", sostivo o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, na presentación do evento.
Coa inscrición aberta ata o vindeiro mércores 26 e dous centos de participantes xa asegurados, a carreira utilizará o mesmo formato que a Calvario 5+5, é dicir, unha proba de 5.000 metros e unha de 10.000. "E as dúas, puntuables para o circuíto municipal", explicou Fernández.
Impulsada pola Asociación de Comerciantes do Mercado de Teis, o xerente da praza de abastos, Roberto Giráldez, explicou que a motivación é "facer barrio", ademais de dalo a coñecer ao resto da cidade a través dunha numerosa participación. "A inscrición crecerá en torno a un 30%", afirmou o edil en función da habitual resposta dos atletas cada vez que unha carreira entra no Run Run Vigo.
Giráldez explicou que o trazado, similar ao do ano pasado (no 10K elimínase o paso pola Avenida da Mariña Española e engádense Camiño Laranxo, Praia do Mende, Camiño Cacharela e Camiño Chumba) ofrece "un percorrido moi bonito porque vai pegado ao mar" e tamén "zonas menos coñecidas de Teis", mentres que o concelleiro socialista lembrou que "é unha proba un pouco dura polas costas, pero aos atletas lles gusta".
O 5.000, pola súa banda, será idéntico ao percorrido de 2019, e atletas tanto desa distancia como do 10.000 sairán do mercado de Teis ao tempo, con chegada no mesmo punto. Ademais, a organización previu carreiras de menores, xa postas en marcha na edición anterior (dende as 10:00), e unha andaina como novidade, tamén con inicio ás 10:30 horas. "Será unha festa do atletismo", celebrou Giráldez, acompañado por representantes da Asociación Vodea (voluntariado para a organización da carreira), La Caixa e Ediprem, algunhas das firmas colaboradoras do evento.