O goberno de Vigo contrata a coordinación de seguridade e saúde das obras do túnel de Lepanto
Abel Caballero informou este xoves da contratación deste servizo, “imprescindible” para a execución do futuro túnel de acceso á AP9 desde a rúa Lepanto. Forma parte do convenio dos accesos á estación de Urzáiz, por importe total de 11,8 millóns, cuxas obras se prevén comezar no mes de marzo.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves á contratación do servizo de coordinación da seguridade e saúde destes traballos, cun orzamento de 120.000 euros. Trátase dun requisito “imprescindible”, anotou o alcalde, para poder executar “unha das grandes obras que estamos a facer na cidade”.
Segundo o convenio asinado, o Concello asume a licitación, adxudicación, execución e dirección das obras de construción do futuro túnel que dará acceso á autoestrada desde a rúa Lepanto, que significará o posterior derrubo do paso elevado sobre Alfonso XIII, do que tamén se encargará a administración presidida por Abel Caballero. O prazo estimado das obras, con inicio previsto para o mes de marzo, é de dezasete meses.
O orzamento roza os 12 millóns, abonados case que na súa totalidade por ADIF (ao 75%) e o Concello (21%), mentres que a Xunta adica menos do 5% do total, tal e como indicou o alcalde, que agradeceu á empresa pública dependente do Ministerio de Fomento a súa participación neste proxecto.
Xunto ao proxecto citado, Abel Caballero avanzou que o convenio se verá ampliado con outros 3,4 millóns de euros para a humanización dos espazos interiores entre a estación e a autoestrada, o núcleo da intermodal e a Praza da Estación, esta última cun orzamento de 1,6 millóns.
A Guía
Na sesión deste xoves, o goberno vigués validou o proxecto básico e de execución para a renovación do céspede artificial e as instalacións do campo de fútbol da Guía, cun orzamento de 341.000 euros e un prazo de execución de dous meses.
Caballero salientou que a mellora prevista forma parte do acordo rubricado coa Deputación de Pontevedra, dez millóns de euros en virtude dos cales ambas institucións actuaron en 16 campos de fútbol da cidade, “o maior investimento en fútbol base da historia”.
O campo da Guía verá cambiada a base do terreo de xogo e o propio céspede artificial. O Concello tamén instalará alumeado enerxeticamente eficiente e unha caldeira de biomasa para auga quente.