O goberno de Vigo interporá un contencioso contra a obriga de pagar as escolas infantís da Xunta
O goberno de Vigo acordará mañá xoves a proposta, toda vez que o recurso administrativo non foi contestado polo goberno autonómico. Segundo recordou o alcalde, a Xunta obriga ao Concello a abonarlle máis de 200.000 euros anuais polas escolas infantís que xestiona o Consorcio autonómico en Valadares e rúa Palencia
Abel Caballero adiantou este mércores a proposta de interposición dun recurso contencioso-administrativo, que será aprobada mañá xoves na Xunta de Goberno Local. O recurso chega unha vez a Xunta non contestou ao requirimento administrativo elevado polo Concello.
Por lei, a Xunta de Galicia obriga á cidade a pagarlle algo máis de 200.000 euros polo réxime de cofinanciamento para as escolas infantís da rúa Palencia e de Valladares, que xestiona o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. O alcalde amosouse convencido de que os tribunais darán a razón ao Concello na defensa dos seus intereses: “Por que temos que pagar nós algo que é competencia exclusiva, obrigación e decisión unilateral da Xunta de Galicia?”.
Xunto ás nomeadas escolas infantís, a goberno de Núñez Feijóo tamén carga ao Concello outros 350.000 euros para cofinanciar os centros de día autonómicos de Teis, Coia e Lavadores. Vigo tamén recorreu a cuestión, que aínda continúa pola vía administrativa.
En total, esta decisión da Xunta supón un custo para Vigo superior aos 550.000 euros anuais. Abel Caballero sentenciou que “se acabaron as contemplacións: o matonismo político de Feijóo vai ter resposta nos tribunais”.
Neira Vilas
Noutra orde de cousas, a Xunta de Goberno Local prevé adxudicar este xoves o contrato de servizos bibliotecarios da municipal Xosé Neira Vilas, emprazada en Martínez Garrido. O orzamento deste contrato bianual, segundo subliñou o alcalde, ascende a 591.000 euros, co que se lle adica ao efecto case que 300.000 euros cada ano.
Os actuais servizos que presta a biblioteca municipal se verán ampliados unha vez entre en vigor o novo contrato, ampliando en máis de 2.000 os títulos de cine español dispoñibles na biblioteca dixital e en máis de 1.500 os de aprendizaxe de idiomas, entre outras melloras.