Escoitar

Vigo abre a nova campaña nacional do Goberno para promover o consumo de peixe

"Produto pesqueiro: rico, san, seguro" é o lema da nova campaña do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para fomentar o consumo de peixe. O Concello de Vigo acolleu este venres a presentación da iniciativa e será na cidade onde se poña en marcha coincidindo coa Feira Conxemar. As rúas vigueses tamén acollerán diversos actividades e obradoiros destinadas aos consumidores.

venres, 27 set 2019
1569587486ministerio.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, exerceu este venres como anfitrión dos responsables da nova campaña do Goberno para fomentar o consumo de peixe. Acompañado na presentación polo director xeral da Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, e polo director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Ignacio Gandarías, o rexedor destacou a importancia do sector pesqueiro na cidade e animou ao consumo.

"A pesca xera economía na nosa cidade, é un factor vital para Vigo e o sector garante unha forma de actividade con séculos de historia", sinalou Caballero en presenza dos principais representantes do sector. Desde o martes 1 de outubro ata o domingo 6, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) pon en marcha en Vigo a súa nova campaña de promoción de orientación ao consumo do produto pesqueiro e acuícola, "Produto pesqueiro: Rico, San, Seguro".

A promoción ten como obxectivo reforzar a confianza do consumidor nos produtos da pesca e a acuicultura, destacando a súa inocuidade e os seus valores gastronómicos e para a saúde. Ademais, a campaña tamén porá en valor a variedade e a diversidade de produtos que ofrece este sector en España.

Durante a Semana do Produto Pesqueiro en Vigo, o Ministerio de Pesca terá un stand na Feira Conxemar e tamén están previstas diferentes actividades onde participarán profesionais da restauración e a hostalería, medios de comunicación, blogueiros e resto de consumidores.

Así haberá actos nas rúas de Vigo con obradoiros nas prazas da Princesa, Constitución e Fernández del Riego, así como no Centro Comercial Travesía de Vigo e no gastromercado Progreso 41 e nos mercados das Travesas e Progreso. Tamén haberá un taller de consumo responsable no cruce de Urzaiz con Colón, obradoiros de cociña Food-Truck na peonil do Calvario e concursos para medios de comunicación e blogueiros.

Antes da presentación, os responsables do ministerio e o alcalde mantiveron unha xuntanza cos representantes do sector pesqueiro, entre os que estiveron presentes Juan Vieites, secretario general de Anfaco; Claudino González e Juan Carlos Martín Fragueiro, de Opromar; Javier Touza Touza, presidente de ARVI; Francisco Freire, presidente de Anacef; e José Luis Freire e Constante Freire, presidente e directivo de Conxemar, respectivamente.
Descargar todas as imaxes