Escoitar

O Concello aproba o proxecto de peonalización da Porta do Sol e soterramento do tráfico

A Xunta de Goberno Local validou este xoves o proxecto que soterrará o tráfico e fará peonil a Porta do Sol, obra que inclúe unha rampla mecánica desde Carral. A adxudicación foi gañada pola UTE Civis Global e Gevora Construccións por un montante de 13,4 millóns de euros.

xoves, 26 set 2019
O Concello de Vigo aprobou este xoves en Xunta de Goberno Local a adxudicación da contratación das obras do proxecto de soterramento do tráfico rodado de Porta do Sol e a humanización e transformación peonil da actual rede viaria e mantemento das instalacións. Segundo avanzou Abel Caballero, a UTE Civis Global – Gevora Construccións foi a gañadora da adxudicación por un importe de 13,4 millóns de euros.

"Estamos ante unha das grandes obras da historia de Vigo, porque a cidade non ten un lugar de encontro, non creou un gran praza peonil e esta vai a ser a gran zona que necesita", sinalou o alcalde durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. Tamén indicou que a firma do contrato será en outubro e que en novembro comezará o estudo de afeccións para iniciar a obra "despois das festas de Nadal".

Segundo explicou, o Concello construirá un túnel de dous carrís de 3,5 metros de ancho cunha única entrada en Policarpo Sanz e dúas saídas independentes para cada carril na rúa Elduayen. A obra conta co financiamento de fondos Feder da Unión Europea a través do proxecto Edusi Vigo Vertical.

A humanización e transformación da rede viaria na Porta do Sol supón crear 8.000 metros cadrados de espazo público peonil, dotado de zonas verdes e mobiliario urbano con elementos singulares, como un estrado-escenario, unha réplica das illas Cíes ou unha maqueta tiflolóxica que amose a configuración do novo espazo para as persoas con visibilidade reducida.

A ordenación do ámbito peonil complétase coa execución dunha rampla mecánica en Carral para facilitar a mobilidade vertical da cidadanía, dando continuidade ao itinerario que seguen as actuais escaleiras mecánicas que van da Porta do Sol á zona do Concello.

O proxecto recolle ademais a reposición e construción de redes de servizos urbanos, como a iluminación pública, gas, electricidade, telecomunicacións, saneamento e abastecemento na Porta do Sol e en Elduayen.

Santa Mariña e Couto San Honorato
Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto e prace ás obras de reforzo de firme na avenida de Santa Mariña por un importe de 85.872 euros e a renovación da rede de abastecemento en Couto de San Honorato cun orzamento de 52.064 euros.