Escoitar

Vigo contará cun servizo de inspección aérea para supervisar a limpeza das franxas secundarias

O goberno local supervisará a través de satélite a limpeza das máis de 34.000 parcelas incluídas no Plan de prevención de defensa contra incendios forestais do Concello de Vigo. A Xunta de Goberno vén de aprobar provisionalmente un documento que delimita a rede de faixas secundarias que deben ser atendidas polos propietarios das fincas e nas que actuará o Concello de xeito subsidiario se fora preciso.

xoves, 26 set 2019
O goberno local aprobou provisionalmente o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais do Concello de Vigo. O documento delimita a rede de faixas secundarias nas que é obrigatoria a xestión da biomasa co obxectivo de evitar o risco de incendio. Trátase, explicou, dunha rede de contención do lume que comprende 50 metros en zona de monte ao redor de edificacións destinadas a vivendas, urbanizacións..... Ao mesmo tempo, determínase unha zona de influencia forestal constituída por unha franxa de 400 lindantes cos terreos forestais, excluíndo solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable.

Deste xeito, os propietarios de todas as parcelas incluídas na rede de faixas secundarias están obrigados a limpalas e xestionar a súa biomasa. O Concello suma 34.083 parcelas nesta rede secundaria, máis de 31.000 son rústicas e máis de 2.000 son urbanas, segundo detallou.

A tramitación, unha vez superada a exposición pública, seguirá co envío do expediente á Consellería de Medio Rural para súa revisión e informe. Unha vez recibido, o documento será aprobado definitivamente na Xunta de Goberno.

De xeito paralelo, o Concello está a piques de contratar un servizo de inspección aéreo para comprobar o estado destas fincas. Se os propietarios non limpan as fincas, será o Concello o que o faga - de xeito subsidiario -, repercutindo posteriormente os custos.

Por outra banda, o rexedor explicou que de xeito paralelo a este plan -ao que obriga a Xunta de Galicia -, o Concello segue tramitando o seu proxecto de Anel verde, un espazo vexetal de 50 quilómetros ao redor da cidade, separando a zona urbana dos montes vigueses.

Este anel terá 100 metros de ancho, con biomasa resistente ao lume, e un trazado ao longo do perímetro para permitir a circulación a vehículos de emerxencia e de extinción de incendios.

O proxecto, que ten un horizonte de desenvolvemento de "20 anos" financiaranse con fondos municipais. "Aprendimos moito de aqueles incendios (de outubro de 2017) e facemos todo o posible para que non se volvan repetir"