Escoitar

O goberno local valida o convenio que permitirá buscar a solución definitiva ao abastecemento de Vigo

Abel Caballero deu conta da aprobación do convenio co Ministerio de Transición Ecolóxica e Augas de Galicia para o estudo de alternativas que solucionen o problema de abastecemento de Vigo e outras nove localidades da área. Ten un custo de 200.000 euros que as tres administracións achegarán a terzos.

venres, 29 mar 2019
A Xunta de Goberno deu luz verde esta mañá a o acordo alcanzado co Ministerio de Transición Ecolóxica e Augas de Galicia para estudar a mellor alternativa de abastecemento de auga para Vigo e outros nove municipios. O custo deste proxecto é de 200.000 euros que serán asumidos a terzos entre as tres administracións, o que eleva a participación do Concello a 66.666,50 euros.

Segundo detallou, o convenio terá vixencia ata 2021 e contará cunha comisión técnica e outra de seguimento. Será licitado polo Goberno de España, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e a tramitación nestes momentos está pendente dun informe da Secretaría Xeral de Territorio Función Pública, unha vez recibidos os da Avogacía do Estado, o Secretaría Xeral do Ministerio de Transición Ecolóxica e o da Secretaría de Estado de Facenda. Neste punto e dado que os Orzamentos Xerais están prorrogados, será preciso establecer un calendario de convenios, un trámite que non atrasará moito o proxecto, matizou. Caballero amosou a súa satisfacción por ter enfocado o "problema máis grave ao que se afronta a cidade" xa que se están a dar os pasos precisos para garantir o abastecemento de Vigo e doutras nove municipios para os próximos cen anos.

En declaracións aos medios, o rexedor criticou á Xunta de Galicia por non facer o transvase de emerxencia pactado co Concello hai un ano e medio, a pesar de que Vigo asumía o 80% do custo. Insistiu en que non se deu un so paso para solucionar un problema que afecta a 450.000 persoas nunha das zonas máis industrializadas de Europa. Respecto da potabilizadora, o rexedor afeou á Xunta que volva a insistir en que sexa Vigo o que pague integramente un servizo do que gozan outros cinco municipios: Cangas, Moaña, Mos, Redondela e Gondomar. Rematou facendo fincapé en que en Vigo hai un problema de cantidade de auga, non de calidade, ao tempo que detallou outras catro localidades que reciben auga de Vigo: Porriño, Redondela, Nigrán e Soutomaior.