Escoitar

A Corporación reclama fondos estatais e europeos para a conexión ferroviaria Vigo-Porto

O Pleno aprobou a moción presentada por Marea demandando ao goberno central un Plan Estratéxico para a mellora do tren entre a cidade olívica e a lusa, que inclúa orzamento propio e a solicitude adicional de financiamento á Unión Europea.

mércores, 27 mar 2019
O texto foi apoiado polos grupos políticos da oposición e a abstención do goberno vigués, posibilitando a aprobación da moción. Así, o Concello manifesta o "estratéxico e irrenunciable" da liña e demanda do Goberno de España o desenvolvemento dun plan de "mellora da conexión ferroviaria Vigo-Porto, dotándoo de recursos orzamentarios e solicitando adicionalmente o financiamento dos investimentos para dito proxecto á Unión Europea".

O documento elevado por Marea considera un "agravio" para Vigo e Galicia a "actitude" do goberno central no tocante ao corredor, un "hándicap negativo para a mellora das infraestruturas ferroviarias que conectan con Portugal". O tren Vigo-Porto forma parte da rede global europea, non da básica, un "trato desigual e inxusto con Vigo e con Galicia", segundo indica a moción en comparación co mediterráneo, á que "se aparta da posibilidade de acceder en mellores condicións ao financiamento de actuacións de modernización e mellora da competitividade das conexións ferroviarias de mercadorías".