Escoitar

O alcalde presenta na Zona Franca un novo vehículo polivalente ideado en Vigo

Abel Caballero asistiu este luns no Consorcio da Zona Franca en Bouzas ao acto de presentación do novo camión polivalente desenvolvido en Vigo e que pode eliminar un de cada cinco vehículos pesados das estradas europeas.

luns, 25 feb 2019
1551103036vehiculo.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, estivo presente este luns na presentación dun novo vehículo pesado desenvolvido por unha empresa da cidade co obxectivo de optimizar o transporte por estrada, mellorar a eficiencia de cada viaxe e eliminar así camións das estradas europeas.

"É unha cuestión moi significativa, o que fixo Efitransa é un modelo de transporte de automóbiles que unha vez completada a entrega poida converterse nun camión de mercadoría xeral", apuntou o rexedor durante a súa rolda de prensa no Concello.

Pola súa banda, o delegado de Zona Franca, David Regades, manifestou a súa satisfacción "por participar neste tipo de empresas produtivas, que aplican o coñecemento vigués para producir no noso territorio emprego e riqueza".

A empresa Efitransa de eficiencia no sector do transporte, que se creou en Vigo en 2015, foi elixida como unha das 20 mellores startups a nivel mundial polo grupo PSA. Desde a súa participación na primeira edición da aceleradora de automoción, a Bussines Factory Auto (BFA), deu un salto empresarial ata poder ter 15 patentes rexistradas internacionalmente.

Actualmente está a fabricar para Renault trinta unidades do seu camión polivalente e outras setenta do seu "camión cargo" para varios clientes. Como explicaron Alfonso Sousa, socio fundador, e Miguel Cabrera, director xeral de Efitransa, "estes camións proporcionan unha maior capacidade de carga a menor custo e contribúen a reducir de forma significativa a pegada de carbono".

Os modelos da firma viguesa, ademais de ser seleccionados como un dos mellores proxectos para o Grupo PSA (Peugeot-Citroën- Opel), tamén foron galardoados recentemente co Premio ao Mellor Proxecto de Innovación a nivel mundial no Grupo Renault-Nissan-Mitsubishi, con quen ademais pecháronse xa os primeiros acordos para a posta en marcha deste tipo de camións en varias rutas europeas.
Descargar todas as imaxes