Escoitar

Caballero recibiu ao deporte feminino vigués, ao que anunciou un novo incremento das subvencións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado pola concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, e polo edil de Deportes, Manel Fernández, recibiu hoxe a preto de corenta mulleres en representación de todos os estamentos do deporte feminino vigués e dunhas vinte e cinco entidades deportivas practicantes de quince modalidades.

luns, 25 feb 2019
1551116633IMG_6594.JPG
Dende xogadoras e adestradoras a directivas e árbitras, o grupo fixo entrega ao rexedor dun manifesto sobre a situación do deporte feminino da cidade e Caballero anuncioulles as novas liñas de acción que se propón como xefe do goberno municipal para reforzar as medidas de apoio implementadas nestes últimos anos.

Nun encontro dunha media hora en Alcaldía, Begoña Fernández, olímpica con España nos Xogos de Londres 2012 (a selección foi bronce) e considerada a mellor pivote do mundo dez anos atrás, leu o manifesto que despois entregou a Caballero. A agora adestradora no organigrama da Unión Balonmán Lavadores fixo referencia á necesidade de que o deporte feminino sexa máis visible nos medios de comunicación, tamén pediu igualdade de premios nos eventos que as Administracións públicas patrocinen ou cos que colaboren e que a nova Lei do Deporte teña unha especial sensibilidade co deporte inclusivo. "É tempo de feitos", demandou quen foi internacional absoluta con España. "É ineludible a aprobación dunha lei moderna que aplique de xeito inmediato e efectivo a igualdade no deporte", dixo, solicitando unha normativa acorde co século XXI.

O manifesto esixe "o noso espazo, que se poñan en valor as nosas competicións, tan sacrificadas como calquera outra, tan emocionantes, tan importantes" e no mesmo o deporte feminino solicita o liderazgo do alcalde para conquerir a plena igualdade.

O alcalde, que recibiu o documento "con emoción", anunciou que a súa intención é "duplicar a subvención ao deporte feminino", o que foi contestado cunha salva de aplausos. No actual mandato xa multiplicou por dous as achegas ao tecido deportivo.

Caballero dixo sobre o manifesto que "son palabras que temos que impregnar na sociedade", e pediu "que ninguén vos engane dicindo que son as regras do mercado; as regras son sociais", referíndose ao actual desequilibrio entre o deporte feminino e o masculino. De feito, lembrou que os Xogos Olímpicos son o evento mundial onde a igualdade si é palpábel, pois "xeran a mesma emoción en categoría masculina e feminina".

Caballero explicou que para el Begoña Fernández é "unha líder, polo que fixeches e o que estás facendo", pero tamén atribuíu iguais méritos ao resto da representación: "Sodes unha mostra extraordinaria doutra revolución, a do deporte".

O xefe do goberno vigués emprazou ás presentes ao acto do deporte feminino que este xoves terá lugar no auditorio Mar de Vigo (19:00 horas), unha xornada de visibilidade do traballo dos clubs da cidade a nivel feminino.
Descargar todas as imaxes