Escoitar

A mocidade viguesa aproba o labor da Concellería de Xuventude

Case 3.000 mozos participaron no proceso de debate "Vigo 20" que analizou as políticas de xuventude co fin de establecer prioridades e liñas de futuro para levar á práctica desde o Concello e a Universidade.

luns, 21 abr 2003
1050928017Xuv.jpg
Santiago Domínguez e Óscar Rubiños na presentación dos resultados de Vigo 20
Santiago Domínguez subliñou que deste proceso de participación denominado "Vigo 20" extráese que os mozos desexan implicarse na política xuvenil desde as institucións. "Por vez primeira, 3.000 mozos desta cidade foron quen de achegarse a cubrir a enquisa, establecer prioridades e liñas de futuro que se deben levar á práctica desde o Concello e a Universidade", dixo Domínguez. "A Concellería de Xuventude asume o compromiso de impulsar o que demanda a mocidade viguesa", afirmou o concelleiro.

Entre as demandas da xuventude ante o Concello está a reclamación dunha maior calidade de vida na cidade mediante a creación de parques, zonas de lecer e deportivas; seguir no camiño da política xuvenil contando coa universidade; incidir na política de vivenda e fomentar a igualdade de oportunidades.

Santiago Domínguez destacou que a mocidade demostra que cando se poñen canles sinceros para a participación responde positivamente. As conclusións seranlles enviadas ás organizacións xuvenís e elaboraranse planos que tratarán estas iniciativas plantexadas polos mozos.

O vicerrector de Extensión Universitaria, Óscar Rubiños, sinalou que no foro de debate participaron 19 grupos de discusión integrados por 10 persoas que analizaron temáticas distintas que posteriormente celebraron unhas xornadas para a posta en común das conclusións.

Rubiños dixo que se superaron as expectativas de participación dos mozos, que valoraron positivamente o achegamento e o diálogo mantidos entre a Universidade e a xuventude como aconteceu na organización da feira Universitúa. A xuventude demándalle á Universidade de Vigo que habilite novos espacios para asociacións e a práctica de deporte, a existencia de maior comunicación con outras institucións e que axilice a xestión económica das subvencións, entre outras.
Descargar todas as imaxes