Escoitar

Verbum-Casa das Palabras abre as súas portas o 25 de abril

Verbum é un museo interactivo sobre a comunicación humana, deseñado como un espacio cultural, lúdico e divulgativo no que se pode participar dun modo activo nos elementos expositivos.

mércores, 16 abr 2003
O próximo 25 de abril de 2003 o proxecto "Samil Século XXI - Casa das Palabras" (cofinanciado ó 70% pola Unión Europea, con cargo ó Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER) abrirá proximamente as súas portas ó público.

A marca seleccionada para denominar o proxecto é Verbum, vocablo latino que significa "palabra", porque a palabra é a orixe do contido do proxecto e o latín é a orixe das linguas que falamos en Galicia.

Verbum é un espacio de entretemento que permite experimentar e coñecer ó traverso de xogos todo o relacionado coa comunicación humana (as linguaxes, os idiomas, as palabras, as letras, os sons, os signos, os símbolos, a vista, o oído, a lectura, a escritura, a literatura, a tecnoloxía...)

O deseño expositivo de Verbum organízase en 29 cubos, que conteñen no seu interior un total de 81 módulos (unidades informativas) nos que se desenvolven as diferentes temáticas que trata o museo.

Tomando a palabra como unidade mínima de significación, os contidos de Verbum se desenvolven en 4 disciplinas xerais:

- Linguaxes
- Ciencias
- Literatura
- Tecnoloxía

Empréganse tecnoloxías audiovisuais en 18 dos módulos, electrónicas en 13, escenográficas en 28, gráficas en 65, informáticas en 22 e obxetuais en 38 de eles. As accións que ten que desenvolver o público son arrancar un mecanismo en 12 dos módulos, facer algo en 62, observar en 51, introducir variables en 50 e eleccións persoais en 14 de eles. Están destinados a un público familiar 34 dos módulos, á visita individual 45 e á visita en grupo dous de eles.

Os exemplos máis significativos dos módulos son:

-¿Quen dixo as primeiras palabras?:
Tres maquetas da sección do pescozo do simio, o australopithecus e o ser humano que levan un sistema electrónico que reproduce os sons que pode xerar cada un. O visitante poderá controla-la escoita dos sons.

-¿Como son as palabras mentres van polo aire?:
Pantalla cun micrófono amplificado incorporado que permite ó visitante ve-la onda da súa voz e comparala con distintas frecuencias de voces humanas.

-¿Fala a túa cara por ti?:
Dez imaxes da cara dun mimo mostrando diferentes sentimentos. Un espello para que o visitante o imite, detrás unha cámara que lle gravará e llo mostrará nunha pantalla de vídeo.

- ¿Poden as máquinas entendernos?:
O visitante introduce un texto no ordenador que o lee e ofrece unha resposta.

- Locos polas palabras:
Espacio baleiro no que os visitantes poderán borrar e deixar mensaxes a modo de graffiti.

- As palabras favoritas:
Interactivo informático no que o visitante escribe o seu nome, o ordenador o arquiva e lle informa do número de persoas co mesmo nome que visitaron o museo e cantas hai co seu nome nese mesmo intre.

-Tódalas nosas voces:
Interactivo informático no que o visitante pode grava-la súa voz e escoitar voces xa gravadas. Trátase dun sistema de gravación e consulta de voces onde poder arquivar unha gran fonoteca popular.

- Poemas e poemas:
Base de datos con máis dun milleiro de poesías castelás ás que se pode acceder de maneira controlada por parte do visitante, ó traverso de menús de autores.

-¿Imprimir un libro en dez minutos?:
Sistema informático ó traverso do que o visitante poderá crear narracións introducindo unha serie de variables. Poderá levarse a casa o texto final impreso.

-Palabras esenciais:
O visitante disporá dunhas trinta palabras clave en tres ou catro idiomas distintos. Mediante un ordenador conectado a Internet deberá chatear nun idioma descoñecido empregando estas palabras.

Os textos dos módulos presentaranse en galego e castelán; os programas informáticos incluídos nos módulos ofreceranlle ó usuario a elección de idioma galego/castelán. Os títulos dos módulos figurarán sempre en galego e os xogos incluídos nos módulos utilizarán unha soa lingua: galego o castelán.

O material gráfico de difusión do museo e das súas actividades (folletos, guías didácticas...) editarase nos idiomas peninsulares (galego, castelán, catalá, euskera e portugués) e en inglés e francés, para facilitárlle-lo acceso ós elementos expositivos a tódolos públicos.

O edificio de Verbum, proxectado polo arquitecto galego César Portela e executado pola constructora Necso, estructúrase en catro andares (semisoto, planta baixa, planta superior e cuberta) unificados por unha caixa de luz que as atravesa e as relaciona na que se estructuran as comunicacións verticais (escaleiras e elevadores). A superficie total construída é de máis de 5.000 m2, ubicados nunha parcela de máis de 13.000 m2.

Os servicios adicionais cos que contará Verbum, á parte dos elementos expositivos son: consigna, cafetería, tenda, sala de exposicións temporais e salón de actos. A oferta permanente de Verbum ampliarase coa programación de actividades complementarias.

A construcción sitúase en primeira liña fronte ó mar, no contorno da praia de Samil. Zona de ocio da cidade de Vigo na que hai un longo paseo marítimo que bordea a praia, ademais de zonas verdes, instalacións deportivas, parques infantís, establecementos de hostalería e aparcamentos.

Á zona de Samil pódese chegar sinxelamente en medios de transporte particulares e nos servicios de transporte público da cidade ó traverso de Bouzas - Alcabre, Travesas - San Paio de Navia e O Vao – Canido.

Máis información