Escoitar

O Concello prepara a humanización da rúa Camilo Veiga

A Comisión de Goberno aprobou o proxecto de humanización da rúa Camilo Veiga, no barrio de Bouzas. O propósito desta actuación é a de renovar e ampliar as beirarrúas creando máis espacio peonal. O presuposto consignado para a obra é de 130.200 euros.

luns, 21 abr 2003
Coa execución deste proxecto mudará o aspecto da rúa Camilo Veiga. O vial terá rúas máis anchas, de 3,20 metros, flanqueadas por arborado e con espacios para os colectores de lixo. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas e as entradas aos garaxes terán pavimento de lastro.

A obra sairá de inmediato a concurso público. Dende o momento da adxudicación, o periodo de execución será de tres meses.

Mellora do alumeado público en Oia

A Comisión de Goberno aprobou o proxecto de mellora da rede de alumeado público na parroquia de San Miguel de Oia. A concellería de Electromecánicos investirá 66.284 euros nunhas obras coas que se pretende eliminar as caidas de tensión que se producen na zona e aumentar os puntos de luz.

Os traballos de mellora centraranse nas seguintes rúas: Arquitecto Gómez Román, Subida a Radio Faro, Virxilio Blanco, Carlos Blanco, Olimpia Valencia e nos camiños de Fuchiños, Pirucha e a estrada cortada da estación de Canido.

Ademais de reforzar as liñas para evitar as caídas de tensión, o Concello substituirá as luminarias actuais de mercurio por outras de sodio menos contaminantes. Tamén se incrementarán os puntos de luz en todas as ruas anteriormente relacionadas.

Adxudicados vehículos para chatarra

O Concello adxudicou á empresa Autodesguaces Vigo S.L. o servicio de retirada de 99 vehículos do depósito municipal a un prezo de 0,04 euros/quilo. Estes vehículos, retirados da vía pública, non foron reclamados polos seus propietarios.

Durante o pasado ano, o Concello vendeu mediante o sistema de poxa 773 vehículos.