Escoitar

O 30 de novembro remata o prazo da presentación de candidaturas para a dirección do MARCO

O Concello vén de publicar as bases que regularán a convocatoria pública para selección de candidaturas para o posto de dirección do MARCO por un período de 5 anos. A data límite de presentación é o 30 de novembro.

venres, 9 nov 2018
O alcalde deu conta esta mañá da publicación das bases aprobadas o pasado 25 de outubro polo Padroado da Fundación MARCO, que recollen as condicións, os requisitos, os méritos e o sistema de valoración. Tal e como explicou o rexedor, a decisión a tomará unha Comisión Técnica composta por persoas con coñecementos acreditados en materia museística na xestión da arte e da cultura. "Nunca houbo un sistema de elección tan transparente", indicou Caballero.

Nese mesma reunión, tamén se aprobou a modificación puntual dos estatutos da Fundación MARCO para actualizalos no número e representación dos patróns en función da participación económica das entidades fundadoras que forman parte do Padroado, "de acordo cos criterios establecidos nos estatutos fundacionais e coa lóxica". Tendo en conta que a achega do Concello é de 605.000 euros, a súa porcentaxe de participación é do 75%; mentres que o da Xunta é dun 12% e a do Ministerio de Cultura, dun 4%, con aportacións de 100.000 e 35.0000 euros, respectivamente. O resto dos ingresos proceden da propia actividade da entidade cultural, aclarou.

Respecto da programación, nestes momentos no MARCO está aberta a exposición "Rara avis", de Santiago Montes, dentro do ciclo Metrópole; ademais das imaxes do Maratón Fotográfico Concello de Vigo, no anexo ao Museo.

O próximo venres 16 se inaugurará Pantoque, un proxecto artístico de investigación sobre a linguaxe plástica e visual dentro do espazo arquitectónico do estaleiro Armada. Os artistas son Ramón Trigo, pintor e escultor, e o fotógrafo Eduardo Armada. Na súa intervención, Caballero tamén lembrou a exposición que acaba de pechar as súas portas Os límites da imaxinación de Julio Verne, que acadou máis de 40.000 visitantes. Rematou destacando a "importantísima" participación cidadá nas propostas do Museo durante estes últimos meses, insistindo na vontade de "seguir avanzando con velocidade de cruceiro en Vigo e en Galicia para que o MARCO volva ser o museo que nunca debeu de ser"