Escoitar

A praia de Samil acolle a última proba do DepoDesafío

No evento, que consistirá nun tríatlon en distancia sprint, xa están inscritas 170 persoas e dilucidará a vencedora e o vencedor desta primeira edición da competición

xoves, 4 out 2018
1538657669triatlon.jpg
A primeira edición de DepoDesafío chega ao seu fin este domingo 7 en Samil (Vigo) coa realización dun tríatlon en distancia sprint: 750 metros a nado, 20 km en bicicleta e 5 km de carreira a pé. A proba, na que se inscribiron 170 persoas, será a quinta da competición e dilucidará o vencedor e a vencedora, que recibirán como premio dorsal, voo e aloxamento para a Maratón de Berlín, considerada a máis rápida do mundo.

Na presentación da proba no Concello de Vigo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde, Abel Caballero, resaltou a "incrible paisaxe" na que se vai desenvolver a proba, coas Illas Cíes de fondo, no que cualificou como un apoio explícito a candidatura da paraxe natural a Patrimonio da Humanidade da UNESCO que promoven desde o Concello de Vigo.

O Plan Estratéxico de Deportes, programa no que se enmarca esta competición, ten entre as súas finalidades promover concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable, así como dar a coñecer as paraxes nas que discorren as probas. "Como di o alcalde", explicou Silva referíndose a Caballero, "o deporte é a gran revolución do século XXI". A presidenta referíase así a gran importancia que está a gañar a práctica deportiva, especialmente a de tríatlon, e ao papel que as institución teñen que xogar "para democratizar e impulsar a práctica do deporte".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrouse "encantado" de que Vigo fose seleccionada para o "fin de festa" da primeira edición do DepoDesafío. "Invito a toda a cidadanía a asistir e desfrutar desta proba, sexa como participante ou como espectador".

Caballero resaltou o gran despregue de medios que se realizará para o evento, como unha pantalla xigante que se instalará en Samil para seguir a proba ao completo, así como a beleza do trofeo, realizado pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.

Esta será a primeira proba na que se puideron inscribir menores de idade. Coa colaboración da Federación Galega de Tríatlon realizarase por primeira vez en Vigo un ácuatlon gratuíto para as 81 rapazas e rapaces das seguintes categorías: Benxamín (100 m de natación / 500m de carreira a pé), Alevín (200m de natación / 1.000m de carreira a pé), Infantil (400 m de natación/ 2.000m de carreira a pé), Cadete (500m de natación / 3.000m de carreira a pé). Silva quixo agradecer persoalmente ao presidente da Federación Galega de Tríatlon todo o traballo realizado e o apoio prestado á Deputación para a realización desta proba.

Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Tríatlon, Óscar Surís, quixo agradecer á Deputación ter seleccionado esta modalidade para pechar o DepoDesafío. "Estou seguro de que esta será a semente do que nun futuro será un proxecto mellor", explicou Surís, destacando o papel e o apoio da Deputación para a promoción do deporte de base, "principal función das federacións deportivas". "O deporte fainos mellores", finalizou o atleta.
Descargar todas as imaxes