Escoitar

"A SAIA RAÍÑA" na Casa das Artes

Baixo a produción de Rita Más Ybáñez, "A SAIA RAÍÑA" é unha exposición de testemuños audiovisuais, coa intención de dar voz a quen non fora escoitada e que se pode visitar na Casa das Artes.

mércores, 3 out 2018
1538126647raina.jpg
Esta mostra non é soamente unha exposición fotográfica nin audiovisual por cuestión das artes plásticas, é unha testemuña de mulleres, unha mostraxe da nosa historia recente, da nosa cultura e costumes sociais e das desigualdades acontecidas e narradas polas súas propias protagonistas. As protagonistas son mulleres galegas que continúan enloitadas no século XXI e falan das súas vivencias dende nenas. Son mulleres que por costume social, imposición moral ou crenza relixiosa tiveron que gardar loito temporalmente, e tamén durante toda a súa vida. Son mulleres que non asistían a festas, romarías e outras manifestacións pois o loito as deixaba excluídas.

As gravacións foron recollidas percorrendo as nosas aldeas, municipios, parroquias e cidades en Ourense, A Coruña, Lugo e Pontevedra, desde o ano 2006 ao 2018. Moitas das fotografías e vídeos, parecen pertencer a tempos afastados da nosa tecnoloxía, dos avances e de todas as nosas innovacións.

O dó axuda a superar a grande ausencia dos seres queridos, pero non é fácil entender como as avoas, as tías, as irmás, as fillas, e as nais galegas, eran criticadas cando rompían o costume de gardar loito para poder exercer a liberdade de elixir a cor das súas vidas.

A exposición está organizada pola Concellería de Igualdade e se poderá visitar ata o domingo 28 de outubro.
1538126647raina.jpg
1538126762raina2.jpg
Descargar todas as imaxes