Escoitar

O Concello instalará lectores da PassVigo no acceso aos pavillóns municipais

O Concello investirá 40.000 euros na compra de dispositivos de lectura da PassVigo que servirá como identificación nas instalacións deportivas. Cun investimento de 40.000 euros, trátase dun paso administrativo moi importante para que a tarxeta se poida usar en breve como método de pago.

xoves, 4 out 2018
A Xunta de Goberno local aprobou o expediente de contratación de dispositivos de lectura da PassVigo de xeito que a tarxeta poida ser usada como acreditación en instalacións deportivas municipais. Son 30 lectores que se instalarán no ximnasio e na piscina do Carme, na Lavadores, na Teis, e na Valladares, así como no ximansio do Carme e permitirán acreditarse coa tarxeta e beneficiarse de vantaxes especiais como tarifas bonificadas. Tal e como explicou o rexedor, esta compra, cun investimento de 40.000 euros, é un "paso moi importante" para que en pouco tempo a tarxeta tamén sirva como un método de pago.

Por outra banda, o rexedor avanzou que se trata dun "paso imprescindible" para a utilización do aparcamento municipal do Álvaro Cunqueiro cando estea establecido o sistema de pago e máis a ordenanza, apostilou.

O 80% deste proxecto esta financiado con fondos europeos a través do programa EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible).

Muralla de O Castro
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao proxecto definitivo de execución da recuperación e posta en valor da muralla de O Castro. Tŕatase dunha iniciativa acordada co Ministerio de Fomento polo que o Goberno Central achega 626.000 euros e o Concello, 209.000 euros. Segundo informou o rexedor, a tramitación desta recuperación patrimonial foi moi longa debido ás necesarias cautelas arqueolóxicas pero indicou que nestes momentos xa se pode proceder á licitación e posterior inicio de obras.

O obxectivo é restaurar, consolidar e poñer en valor as murallas do Castro que datan do século XVII e que formaban parte dunha fortaleza defensiva. O actual estado de conservación é moi deficiente e require importantes obras de mellora en tres liñas principais. En primeiro lugar, haberá que realizar intervencións de conservación e recuperación de elementos propios da fortaleza; en segundo, hai que acometer unha reorganización da accesibilidade ao monumento: Porta Norte; e, por último, procederase á mellora da integración da fortaleza na paisaxe urbana: iluminación e reestruturación da masa vexetal colindante.