Escoitar

O mellor do cinema galego, portugués e brasileiro chega a Vigo do 8 ao 13 de maio na VII edición do Festival Primavera do Cine

"Vai ser un dos grandes eventos cinematográficos de Galicia e o único destas características que se celebra na Comunidade", destacou o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, na presentación dun festival apoiado polo Concello de Vigo

xoves, 26 abr 2018
1524746675DSC09443.JPG
A edición máis ambiciosa do Festival Primavera do Cine en Vigo traerá á cidade 33 curtametraxes, 11 longametraxes e unha mostra de cinema de animación e videoclips de Galicia, Portugal e Brasil, país convidado nesta VII edición.

O director do festival, Juan de Castro, presentou esta mañá o evento acompañado polo concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, que reiterou o apoio do concello a este festival "único destas características que se celebra na Comunidade". Rodríguez destacou o compromiso que mantén o festival e aplaudiu a súa aposta polo cinema e a imaxe asegurando que será "un dos grandes eventos cinematográficos de Galicia".

O festival, que se celebra do 8 ao 13 de maio, complétase cunha serie de actividades paralelas que comezan este próximo luns cunha mostra de cinema brasileiro que terá lugar nos Multicines Norte. As proxeccións, do 30 de abril ao 3 de maio, serán todas ás 20.10 horas e con acceso gratuíto.

En canto á sección oficial, De Castro asegurou que nesta edición "volvemos a bater récords, xa que se presentaron case 300 cintas". O director asegurou que as seleccionadas destacan pola súa "enorme calidade". As sedes do festival son o auditorio do Concello de Vigo, o Instituto Camôes e o MARCO.

EI Instituto Camôes colabora un ano máis no festival, "unha axuda moi importante para difundir o evento por toda a comunidade lusófona e atraer o cinema do país veciño, que achega unha gran riqueza cultural", afirma De Castro.

O director destacou tamén o seu interese por levar o cinema a outros barrios de Vigo nos que non adoitan celebrarse este tipo de eventos. Así, nesta edición proxectarase a cinta "Vigo, 1972" nos barrios de Coia e de Teis o fin de semana do 5 e 6 de maio.

A oferta complétase co ciclo de Cinema Miúdo, que achegará o cinema aos escolares do 9 ao 11 de maio, e a máster class que impartirá o cienasta vigués Álvaro Gago o 12 de maio.
Descargar todas as imaxes