Escoitar

O goberno local adxudica a construción dunha pista de 2.000 m2 de Skate, BMX e Roller Vert Wall, en Navia

A Xunta de Goberno adxudicou as obras da pista de skate, BMX e Roller Vert Wall en Navia. Cun orzamento de licitación de 300.000 euros, a previsión é que os traballos de construción se prolonguen catro meses.

xoves, 22 mar 2018
O alcalde deu conta da adxudicación das obras da pista de skate, BMX e Roller Vert Wall en Navia. Esta instalación, cun orzamento de licitación de 300.000 euros e un prazo de execución de catro meses, suporá a finalización da urbanización do actual parque, no cruce das rúas Padre Seixa e Limpiño.

Tal e como explicou o rexedor, o parque dará cabida á práctica de actividades vencelladas cos deportes de Roller, Skate e BMX, cunha pista de 2.000 m2 aproximadamente, dividida en dous sectores diferenciados: unha zona de bowl e outra de street. Para este gran parque de Navia xa está aprobado o proxecto de construción dunha pista de parkour cun importe de 193.119, 90 euros.

Esta infraestrutura deportiva vense sumar á remodelación que xa se fixo na de Barreiro, cun orzamento de 44.000 euros, e á remodelación da pista do Castro (pendente de informe de Patrimonio da Xunta).

Humanización rúa Fátima
A Xunta de Goberno tamén aprobou a proposta de adxudicación das obras de humanización da rúa Fátima, cun importe de licitación de 225.000 euros. Tal e como avanzou o rexedor, o prazo de execución é de catro meses e os traballos acometeranse ata o entronque caos rúas Pino e Vía Norte. A humanización incluirá a instalación de novas redes de abastecemento, saneamento, electricidade e alumeado, así como a instalación de beirarrúas de granito, nova sinalización e renovación do mobiliario urbano, con papeleiras, xardineiras e rede de rego automático.