Escoitar

O Concello aproba as comisións de selección dos 132 traballadores do "Vigo Emprega"

Despois da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, Abel Caballero informou da aprobación dos grupos de selección dos 132 beneficiarios desta iniciativa municipal, na que o goberno vigués inviste máis de 900.000 euros, cofinanciados con fondos FEDER da Unión Europea.

xoves, 15 mar 2018
Este programa de emprego, que forma parte do plan de implementación da estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible "Vigo Vertical", cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea, ten un orzamento de 902.000 euros e suporá a contratación de 132 traballadores procedentes do Servizo Público de Emprego.

Explicou Caballero que se priorizará aos discapacitados, menores de 30 anos, maiores de 45, mulleres e parados de longa duración. O alcalde citou algunhas das obras que se levarán adiante grazas ao "Vigo Emprega", como serán a construción de beirarrúas en distintos puntos da cidade, a rehabilitación de lavadeiros municipais, a supresión de barreiras arquitectónicas, acondicionamento de baños nos colexios Illas Cíes, Pintor Laxeiro, San Salvador de Teis e Ría de Vigo, entre outras actuacións.

Vehículos
Tamén na Xunta de Goberno Local, o Concello adxudicou a contratación do servizo de mantemento e reparacións da flota de vehículos municipais, que inclúe o subministro de repostos. En distintos lotes, como apuntou Caballero, o goberno vigués adica 240.000 euros ao efecto durante dous anos.