Escoitar

Caballero felicita ás mulleres pola súa mobilización "na busca da igualdade"

O alcalde de Vigo destacou este xoves a masiva participación das traballadoras do Concello nos paros e na folga programada polo Día internacional das Mulleres no 8 de Marzo. "Empeza unha nova forma de entender a igualdade e quero felicitar ás mulleres e chamar á concentración tamén aos homes", sinalou.

xoves, 8 mar 2018
1520525945AlcaldeOchodeMarzo.jpg
O Concello de Vigo rexistrou este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un paro masivo por parte das súas traballadoras. O alcalde, Abel Caballero, animou a mulleres e homes a participar tanto na folga como nas concentracións convocadas polos sindicatos para esta xornada.

"O paro de dúas horas están a facelo a práctica totalidade das mulleres deste concello, a folga está máis que xustificada, porque a brecha salarial en España sitúase no 13% e as mulleres cobran de media un 13% menos que os homes", destacou o rexedor durante a súa comparecencia pública antes os medios de comunicación.

Na rolda de prensa, Caballero tamén sinalou que "o traballo a tempo parcial está fortemente feminizado" e practicamente o 75% destes contratos "están asinados por mulleres", así como que as mulleres "só representan o 36,1% das persoas xubiladas con dereito a prestación e a súa pensión media é de 768 euros ao mes fronte aos 1.220 euros dos homes".

"Esta folga está tan fundada, tan fundada, que teño a sensación de que o conxunto de España está a entrar no proceso de seguimento. No Concello é total, na zona de Alcaldía o seguimento é do 100%, só acudimos a traballar homes, en prensa dúas persoas, e o alcalde", explicou nunha sala de prensa na que unicamente había homes, posto que as periodistas da cidade tamén decidiron parar.

No conxunto do Concello o seguimento foi total e só funcionaron os servizos mínimos, tal e como explicou o rexedor. "Animei e apoiei á folga porque está a suceder algo extraordinariamente importante, é a manifestación da conciencia colectiva, da necesidade da igualdade, da igualdade que castiga ás mulleres a traballar máis, cobrar menos, estar menos presente… isto ten que acabar. Empeza unha nova forma de entender a igualdade e quero contribuír felicitando ás mulleres, chamo á concentración de homes e mulleres", engadiu.
1520525945AlcaldeOchodeMarzo.jpg
1520526007AlcaldeOchodeMarzo2.jpg
Descargar todas as imaxes