Escoitar

O Pleno valida a ordenación provisional para o ámbito comercial de Recaré

A Corporación aprobou este mércores incorporar este entorno, próximo á Avenida de Madrid, á ordenación urbanística provisional, o que suporá recuperar para Recaré o planeamento de 2008. A edil de Urbanismo, María José Caride, expuxo que existe demanda empresarial e defendeu o interese desta actuación para a economía e o emprego de Vigo, compatible ademais co comercio local.<br />

mércores, 31 xan 2018
Cos votos do grupo de goberno e do PP e a oposición da Marea, o Pleno acordou este mércores o estudo específico para tramitar a ordenación provisional do ámbito comercial de Recaré, o que suporá retomar a planificación urbanística recollida no anulado PXOM de 2008.

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu que a proposta cumpre cos requisitos de utilidade e interese público para ser tramitada pola vía da ordenación provisional. Suporía a dinamización da economía e do emprego e a mellora do sistema viario, pois Recaré inclúe un novo vial de conexión coa A55. Ademais, recordou Caride que o PXOM en vigor, do ano 1993, permite neste ámbito un 50% máis de edificabilidade que o de 2008 que se pretende recuperar.

A edil explicou que a proposta do goberno de Vigo, que xa conta con informes favorables da Xunta de Galicia no eido ambiental e urbanístico, dará resposta á demanda das empresas que queren instalarse na cidade e resulta compatible co comercio local.

O goberno de Vigo, recordou Caride, intenta solventar as consecuencias da anulación xudicial do PXOM do 2008 por todas as vías legais dispoñibles. En paralelo á redacción dun novo Plan Xeral, o Concello emprega a Lei 3/2016 para proxectos urxentes e de especial interese público, a Lei 2/2017 para a ordenación provisional e os proxectos sectoriais (como para a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares).

Debate
Rubén Pérez, en representación da Marea de Vigo, que votou en contra da aprobación, asegurou que a ordenación provisional para Recaré non responde ao interese público senón á reclamación patrimonial interposta por unha empresa polos prexuizos derivados da anulación do PXOM. Engadiu Pérez que Vigo carece de planificación sobre a ubicación dos espazos terciarios e advertiu contra o risco de que a cidade sexa "un parque temático de centros comerciais".

O Partido Popular apoiou a aprobación deste punto. Sen embargo, Miguel Fidalgo afirmou que a situación urbanística de Vigo é "desesperante", pois "seguimos agardando" pola publicación da contratación da redacción do novo Plan Xeral e a pola aprobación inicial da ordenación provisional. O PP de Vigo defendeu que a Xunta foi "ao rescate do urbanismo" da cidade habilitando as vías legais ao efecto.