Escoitar

O Goberno vigués pídelle á Xunta axudas para hemofílicos contaxiados de hepatite nos hospitais

O Goberno municipal de Vigo acaba de se dirixir ao presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, para pedirlle que arbitre axudas para as persoas con hemofilia que nos anos oitenta resultaron contaxiadas de hepatite a causa dun deficiente funcionamento da administración sanitaria.

venres, 21 mar 2003
Estes enfermos reciben unha pequena compensación do Ministerio de Sanidade que noutras comunidades autónomas se completa cunha aportación complementaria. No caso de Galicia iso non ocorre.

En Galicia foron 147 persoas as que resultaron infectadas polo virus da hepatite cando recibían tratamento en hospitais. Delas 58 xa faleceron mentres que as restantes sofren as secuelas da enfermidade. O pasado ano o Ministerio de Sanidade aprobou a concesión de axudas para este colectivo por valor de 18.031 euros para compensar nalgunha medida os danos que o contaxio lles producira de por vida. Comunidades autónomas como Cataluña e Valencia decidiron complementar esa cantidade ata os 30.000 euros ao entender que o importe sinalado polo Ministerio era insuficiente. O Concello de Vigo apoia agora á Asociación Galega de Hemofilia na súa petición á Xunta de Galicia de que siga os pasos destoutras administracións autonómicas.

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e a concelleira e Benestar Social, Belén Sío, asinan unha carta dirixida ao Presidente da Xunta na que se afirma que "é de xustiza recoñecer os mesmos dereitos aos afectados en Galicia que noutras comunidades axeitando as axudas ás verdadeiras necesidades dos enfermos".