Escoitar

Declaración institucional polo Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres<br />

En representación do Consello Municipal da Muller, Elisabeth Pérez Costas deu lectura á declaración institucional polo 25-N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. "830 asasinadas en 13 anos, unha máis que as persoas asasinadas por ETA en 42 anos", revela o texto.

mércores, 29 nov 2017
Declaración polo 25 de Novembro de 2017: Día Internacional contra a violencia machista

"A unión do movemento feminista fixo e fai posible acadar tanto para as mulleres como para o conxunto da sociedade, moitos dos dereitos que hoxe damos por feitos.
Tamén sabemos que temos que seguir defendendo o acadado, loitando polo aínda non conquistado e reivindicando o que nos rouban, alzando a nosa voz por nós, polas mulleres que están e non poden facelo e tamén, polas que xa non están.
Polas que non están.
Cifras que escoitamos a cotío sen alterarnos.
Podemos facer as contas en décadas, 655 asasinadas na última década; podemos comparalas con outras cifras, 830 asasinadas en 13 anos, 1 máis que as persoas asasinadas por ETA en 42 anos, aínda que non se dimensionan ás vítimas por igual ou podemos facelo por anos, borrón e conta nova cada mes de xaneiro, e neste 2017 contamos con 74 vítimas, das que 10 son crianzas.
Non hai nin unha tendencia nin un patrón que poidamos detectar, o único que si podemos afirmar con total rotundidade, é que, aínda que o número de asasinadas nos arrepíe, estas cifras non reflicten a realidade do que é a violencia de xénero. Os asasinatos son só un dos desenlaces dos que os únicos responsables son os asasinos que os perpetran.
Pero a violencia de xénero é diaria e cotiá. Ten múltiples formas e expresión, é unha realidade estrutural e global. Por isto, no día de hoxe, temos a necesidade de seguir xerando conciencia de que a violencia machista nos está matando e a súa erradicación pasa por tomar conciencia de que é un tema que nos incumbe a todas e a todos.
Cómpre actuar, e cómpre facelo de forma global e coordinada e, sen dúbida, con conciencia de a que nos enfrontamos.
É preciso destinar recursos, desde o ámbito local, o estatal e o internacional.
Fai apenas un mes aprobouse o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, pacto que aínda que apenas aporta novidades a Lei de Protección contra a Violencia de Xénero polo que segue deixando fora medidas que poidan abarcar violencias machistas que se exercen contra as mulleres lesbianas, transexuais ou tranxénero, si recoñece como vítimas ás nais das crianzas asasinadas polo pai, denega a custodia compartida nos casos de violencia de xénero, pero que non conta con presuposto para implementalo e recolle a violencia sexual, tal como recoñece o Convenio de Istambul, pero as vítimas de violacións ou agresións sexuais non contarán con medidas de protección e prevención ata que que se recolla en futuras leis específicas ou se amplíe a lei de 2004. Queremos recordar que o 99% das adolescentes sufriron vítima sexual ao longo a súa vida.
É preciso contar coas implicadas.
Coñecer a realidade á que se enfrontan as vítimas unha vez rachan co círculo da violencia para establecer as medidas necesarias para que continúen adiante. Contar coas organizacións que traballan a diario con elas, que as acompañan, as atenden…xa que detectan de primeira man todas as eivas. E contar coas organizacións feministas para chegar a sociedade con campañas de sensibilización que aborden as causas da violencia machista con coñecemento, sensibilidade e empatía.
E é preciso adoptar unha actitude persoal ante o machismo que nos permita actuar no cotiá, independentemente do noso xénero, facéndoo patente e de xeito visible e consciente en todos os roles e facetas da nosa vida.
Con todo isto, os feminismos queremos por de manifesto que a loita contra a violencia de xénero é a loita contra o machismo. Machismo que está enraizado no noso sistema ata o punto de que a vulneración dos nosos dereitos polo simple feito de ser mulleres pasa desapercibida e non é tema central a diario como si o é no día de hoxe.
Por iso reclamamos o recoñecemento da loita contra o terrorismo machista como unha cuestión de estado.
Reclamamos se establezan todas as medidas provisionais necesarias sobre a custodia, a patria potestade, a pensión de alimentos e estipular ou suspender o réxime de visitas respecto ás crianzas que protexan as mulleres e as súas crianzas dende o momento da denuncia.
Reclamamos a prevención como ferramenta de acción prioritaria. Sensibilizar e coeducar en igualdade e diversidade afectiva, sexual e de xénero a tódolas persoas que interveñen nos procesos, aos medios de comunicación, aos axentes educativos e a sociedade civil.
Reclamamos dos medios de comunicación e da publicidade, que deixen de ser cómplices do sexismo e non reproduzan as estruturas machistas normalizando un sistema binario que cousifica e instrumentaliza os nosos corpos. Querémosnos visibles e diversas.
E seguiremos reclamando que se desenvolva o asinado no Convenio de Istambul e as recomendacións da CEDAW para que se reflictan todas as formas de violencia contra as mulleres.
O feminismo unido como única resposta ás violencias machistas."