Escoitar

Vigo insta á Xunta a aumentar as transferencias e acometer investimentos demandados nos últimos anos

O Pleno aprobou este mércores unha moción presentada polo grupo do goberno de Vigo reclamando da Xunta un aumento das transferencias e subvencións a Vigo "ata igualalas en termos per cápita coa cidade que reciba maior achega" e investimentos "reiteradamente demandados" en materia turística, cultural, deportiva, de infraestruturas, de emprego ou sociais.

mércores, 29 nov 2017
A Corporación municipal deu luz verde á moción, que foi presentada e apoiada polo grupo do goberno de Vigo, coa abstención tanto de Marea como do PP.

O acordo adoptado insta á Xunta de Galicia a "aumentar as transferencias e subvencións que realiza ao Concello de Vigo ata igualalas en termos per cápita coa cidade que reciba a maior achega". Segundo estipula o texto, existe unha "discriminación" con Vigo posta de manifesto no Informe de Fiscalización da conta xeral de 2015 do Consello de Contas de Galicia, que estipula que a media galega ascende a 91 euros por habitante mentres en Vigo é de 31 euros.

En segundo lugar, o Pleno require á Xunta de Galicia a "acometer os investimentos na cidade de Vigo que foron reiteradamente demandados nos últimos anos e que figuran nesta declaración", actuacións como a promoción do aeroporto de Vigo, a construción do centro de saúde de Bouzas, o acceso á AP-9 desde a rúa Bos Aires, o aparcamento gratuíto no novo hospital, participar na remodelación de Balaídos, arranxar as carreteiras de titularidade autonómica, a reforma e ampliación dos colexios, as bolsas de comedor escolar, actuacións en política social, cultural e de emprego, o apoio ao AVE directo Vigo-Ourense e a promoción das Illas Cíes.

AP9 e pensións
Unha segunda moción presentada polo grupo socialista, e apoiada por Marea coa abstención do PP, demanda que a Xunta de Galicia inicie "os trámites do proxecto e de execución da obra do acceso directo á AP9 desde a Avenida Bos Aires", en Teis, ademais de reclamar do goberno de Núñez Feijóo que financie "integramente a obra entendendo ao compromiso do presidente de investir na nosa cidade".

Por último, e tamén a proposta do grupo socialista, o Pleno aprobou unha moción instando ao Goberno de España a "garantir a efectividade do dereito ao mantemento do poder adquisitivo de todas as pensións públicas no 2018, aplicando desde o 1 de xaneiro unha suba igual ao IPC". Marea sumouse aos votos do grupo de goberno de Vigo no respaldo ao texto, que non contou cos votos favorables do Partido Popular, que se abstivo.