Escoitar

O alcalde cualifica de vulneración da autonomía local a esixencia de confinanciar escolas infantís e centros de día da Xunta

Caballero reiterou este martes o seu rexeitamento á esixencia da Xunta de que Vigo cofinancie servizos sociais que presta a Xunta na nosa cidade. O goberno local aprobou un requirimento contra a resolución desta imposición para financiar dúas escolas infantís, tal e como xa fixera cos centros de día. No primeiro caso a achega é de 205.000 euros, no segundo, alcanza os 35.000 euros.

martes, 28 nov 2017
O goberno local realizou o primeiro pago ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar -de acordo á normativa que a Xunta incorporou á lei de orzamentos do pasado ano- e que obriga ao Concello a financiar o 30% das escolas infantís da rúa Palencia e de Valladares. O rexedor deu conta dos 205.000 euros anuais que o goberno local lle transfire á Xunta para cofinanciar dotacións que son da Xunta, xerando unha situación que cualificou como "un novo despropósito do goberno galego con Vigo". Segundo explicou, o convenio que existía no caso da escola da rúa Palencia decaeu no 2013 e no caso de Valladares, nunha houbo réxime de cofinanzamento algún.

A Xunta de Goberno local deu luz verde ao requirimento de anulación ou revogación con carácter previo á interposición de recurso contencioso-administrativo contra a resolución da aprobación desta primeira liquidación 2017. Segundo o informe do Tribunal Económico do Concello de Vigo, "a detracción forzosa de fondos ás entidades locais para financiar servizos de atención sanitaria e de asistencia social, non só limita a plena dispoñibilidade dos seus ingresos, senón que, ao impoñerlles unha transferencia anual de parte dos seus ingresos en favor da Comunidade, condiciona indirectamente a capacidade das entidades locais a decidir libremente sobre o destino dos seus recursos económicos, vulnerando a autonomía local na súa vertente financeira".

O rexedor destacou o apoio da Xunta de Goberno da FEMP -con concellos gobernados por distintas cores políticas- ao posicionamento do Concello de Vigo respecto a esta esixencia da Xunta á que se ven sumar o confinanciamento de centros de día, que tamén foi recorrida polo goberno local. Segundo explicou, os membros do goberno da FEMP cualificaron de "intromisión intolerable na autonomía municipal" esta imposición do goberno galego, incumprindo o bloque de constitucionalidade da lexislación española.