Escoitar

Caballero traslada a Molés o obxectivo de afianzar as rutas actuais en Vigo, sen descartar un Ryanair a Madrid

O alcalde recibiu este mércores á nova directora do aeroporto de Vigo, a quen lle trasladou o obxectivo do Concello de "recuperar" os niveis de pasaxeiros "que nunca debeu perder", mantendo as rutas existentes sen descartar que Ryanair voe tamén a Madrid. Peinador suma ata setembro 816.000 viaxeiros, un 10,4% máis que no mesmo período do 2016.

mércores, 18 out 2017
1508329075aeropuerto.JPG
O alcalde, Abel Caballero, mantivo este mércores unha reunión coa nova directora do aeroporto de Vigo, Ana Molés, procedente de Sabadell e con experiencia previa na terminal de Barcelona.

Segundo explicou ante os medios, o rexedor trasladou a Molés a "vocación" municipal de que o aeroporto vigués recupere os niveis de actividade que "nunca debeu perder", e referiuse á "competencia desleal" que sufriu Vigo. Caballero comunicoulle a política do Concello de "potenciación" de Peinador, co obxectivo de manter as conexións que se operan actualmente sen descartar que Ryanair poida conectar a cidade con Madrid.

O aeroporto de Vigo suma 816.000 pasaxeiros ata o mes de setembro no acumulado anual, un incremento "moi importante" do 10,4% sobre o mesmo período do 2016, e todo indica a que "superaremos o millón" de viaxeiros en Peinador durante o 2017.

Por último, o alcalde quixo agradecer á dirección do aeroporto e a AENA a súa colaboración na extinción dos lumes que afectaron á cidade de Vigo durante a tarde e a noite do pasado domingo, poñendo á disposición dous camións.

Urzáiz
En rolda de prensa, e tamén sobre infraestruturas, Abel Caballero anunciou que o próximo martes, 31 de outubro, terá lugar en Madrid unha reunión nas instalacións de ADIF para pechar os acordos entre Fomento, Xunta e Concello para a parte Vialia da estación do AVE deseñada por Thom Mayne, a terminal de buses e os túneles de saída. O alcalde avanzou que estará presente nesta cita.


Descargar todas as imaxes