Escoitar

O Concello retira o módulo central da cuberta de Río ao detectar problamas na malla metálica

A empresa que realiza as obras de Balaídos revisará toda a cuberta de Río ao detectarse un problema en 13 das 3.000 barras que forman o primeiro módulo da estrutura. Con obxectivo de garantir ao máximo a seguridade, dixo o rexedor, mañá mércores procederase a baixar a parte do módulo afectada para estudar a situación con maior rigurosidade.

martes, 17 out 2017
O alcalde deu conta esta mañá dun problema nas obras de Balaídos ao detectarse que trece das barras que forman parte do primeiro módulo da cuberta de Río soltáronse das súas respectivas bolas de suxeición. Ningunha destas barras, que forman parte dun estrutura de 3.000, chegou a caer e non se sabe aínda se o problema foi nunha delas e polo efecto do desprazamento quedaron afectadas as restantes.

Tal e como detallou, a primeira das decisións foi a de asegurar aos operarios, impedindo o traballo no forxado de Río Alto nivel 2, aínda que si se seguen realizando o resto dos traballos con normalidade. Ademais, para garantir a estabilidade da estrutura xa se suxeitou a zona afectada do módulo cunha peza nova situada sobre unha grúa. Nestes momentos, proseguiu, estanse a analizar todos os condicionantes externos (variación de temperatura, vento) e revisando a trazabilidade de cada barra a cada bola que conforman a cuberta (procedencia, material, fabricación, mecanizado, montaxe...). Hoxe mesmo, trasladáronse a Vigo os enxeñeiros responsables do dimensionamento e da montaxe para completar o seu exame da situación.

Unha vez realizada a primeira inspección e tendo en conta a dificultade de estudar o problema en altura e para maior rigurosidade, proseguiu o rexedor, proporase baixar a parte do módulo afectada e rematar de estudala no chan para o que se lle restará peso desmontando a chapa do módulo 1. Unha vez abaixo, estudarase a situación de toda a estrutura para tomar as decisións pertinentes. En verbas de Caballero, é probable que este inconvinte supoña un atraso na cuberta pero o primeiro é a seguridade, reafirmou.