Escoitar

Caballero súmase á campaña en defensa do ensino da filosofía

O alcalde apoiou este venres coa súa sinatura a proposta impulsada por un colectivo de docentes, que recollen firmas ante o MARCO para respaldar unha Proposta Non de Lei no Parlamento de Galicia en favor de que a filosofía se manteña como materia troncal en 2º de Bacharelato.

venres, 16 xuñ 2017
1497617740filosofia.JPG
Abel Caballero desprazouse este venres ata a rúa do Príncipe para participar na presentación desta campaña e apoiala coa súa sinatura, unha mobilización en defensa da filosofía na formación que o alcalde respalda pola "importancia" da materia como "factor de comprensión total, que axuda moito a entender o mundo en que vivimos e a sociedade na que nos desenvolvemos".

O rexedor e catedrático de Economía defendeu que a capacidade de aprendizaxe en calquera área ten sempre a "derivada colateral" da filosofía como elemento de reflexión, e que as personalidades que ocupan un "lugar dominante" no mundo da ciencia se apoian na filosofía. "A filosofía non é so unha disciplina académica de estudo, é unha disciplina tamén de enorme axuda no desenvolvemento persoal e profesional", asegurou.

Xunto á variable persoal, Caballero valorouna como elemento de desenvolvemento relevante en calquera profesión, polo que considerou "inconcebible" a supresión da filosofía da formación dos futuros profesionais: "é importante que a filosofía siga ocupando un lugar notable". O alcalde de Vigo invitou á cidadanía viguesa a sumarse á campaña en defensa do ensino da filosofía.
Descargar todas as imaxes