Escoitar

667 alumnos de 3º da ESO gozarán dunha bolsa de inmersión lingüística municipal

Abel Caballero deu conta esta mañá da publicación da lista provisional de admitidos no programa "Vigo en inglés 2017". Grazas a unha mellora da empresa adxudicataria o número de prazas se eleva ás 667, unha cifra próxima ao número de solicitudes, que foron 750 aproximadamente.

venres, 12 mai 2017
O Concello publica hoxe venres o listado provisional de alumnos seleccionados para o programa "Vigo en inglés 2017" polo que se abre un prazo de cinco días para presentar reclamacións ou admisións de posibles erros. Tal e como detallou o rexedor, recibíronse aproximadamente 750 solicitudes fronte ás 657 prazas habilitadas ás que se suman 10 máis froito dunha mellora da empresa adxudicataria do contrato. Estas cifras, polo tanto, amosan que serán moi poucos os solicitantes que queden sen a súa bolsa de inglés. Neste listado tamén hai 18 alumnos excluídos porque non reúnen os requisitos.

O programa conta cun orzamento de 1,5 millóns e ofrece 357 axudas para a rede pública e 300 para o ensino concertado, con 6 e 4 máis, respectivamente grazas á devandita mellora. Os alumnos beneficiados, que cursarán 3º da ESO, viaxarán no mes de setembro.