Escoitar

O goberno de Vigo cooperará coa Fundación Carlos Casares na homenaxe ao autor

O alcalde certificou a colaboración municipal nunha reunión cos responsables da Fundación Carlos Casares, autor recoñecido no Día das Letras Galegas deste ano, "un gran vigués nado en Ourense", en verbas de Caballero. A Fundación solicitou nomear "Carlos Casares" á confluencia da Hispanidade con Pintor Colmeiro.

xoves, 26 xan 2017
1485439321casares.JPG
Abel Caballero definiu a Carlos Casares, "como tantos e tantas, un gran vigués nado en Ourense", que fixo de Vigo "a súa casa, un dos elementos centrais da súa vida" e "unha parte da súa literatura ten que ver con Vigo".

"Estaremos na cooperación activa total", asegurou o alcalde sobre os actos de homenaxe ao autor que propoña a Fundación, que solicitou tamén darlle o nome de Carlos Casares a unha praza da cidade. A entidade, revelou Caballero, citou a glorieta da confluencia da Avenida Hispanidade con Pintor Colmeiro.

O rexedor vigués, que elevará a proposta ao órgano competente, manifestou que a ve "con simpatía" a idea. "Creo que Vigo lle debe esta homenaxe a Carlos Casares", afirmou, "pero tamén hai algunhas mulleres literatas que requiren un recoñecemento destas características, e polo tanto vou propoñer á comisión máis nomes, para máis rúas, prazas e glorietas da cidade de Vigo, para mulleres e homes relacionados coa literatura".
Descargar todas as imaxes