Escoitar

BANDO de celebración de festas de Fin de Ano e Reis en locais de ocio

Ven sendo habitual durante o Nadal a celebración de festas de Fin de Ano e Reis en locais de ocio. Consonte a normativa vixente, ningún local pode ofrecer espectáculos ou actividades recreativas sen estar provisto da preceptiva licenza municipal de actividade/apertura. Asemade, ningún local pode ofrecer espectáculos ou actividades recreativas distintos dos que figuren autorizados na devandita licenza municipal.

venres, 23 dec 2016
Non obstante, as Xefaturas Territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, sempre que se respecten as condicións esenciais da licenza, poden autorizar, con carácter extraordinario, a celebración doutros espectáculos ou actividades. Esta autorización, se procede, darase para un único espectáculo ou para sesións puntuais dunha actividade determinada e require informe preceptivo do Concello respectivo donde se ubique o local.

Lémbrase aos titulares das licenzas de actividade que pretendan celebrar actividades ou espectáculos extraordinarios, que deberán presentar a súa solicitude perante a Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia cunha antelación mínima de 30 días da data prevista de celebración da actividade ou espectáculo (artigo 7.4 do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos ou actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado por outro Decreto 160/2005, do 2 de xuño).

A solicitude de autorización extraordinaria deberá acompañarse, segundo lembra a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en comunicación recibida neste Concello en data 19/11/2012 , da seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada da licenza municipal de actividade do local.
2. Memoria descriptiva da actividade extraordinaria que se vai realizar (actuación musical, baile, cotillón, concerto, etc), modificacións que se efectuarán no local con motivo da actividade extraordinaria a celebrar, número de localidades que se porán á venda indicando o seu prezo, horario de inicio e peche da actividade extraordinaria).
3. Informe de técnico competente de que o local reúne as condicións extraordinarias para a actividade que se quere realizar.
4. Informe do Concello.
5. Plan de Autoprotección: Dito plan é necesario se o aforo do local é igual ou superior a 2.000 persoas en espazos pechados, e 20.000 persoas ao aire libre. Este plan debe rexistrarse polo solicitante no Rexistro de Plans de Autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia (www.xunta.es), premendo en sede electrónica (código do procedemento:PR485A Inscrición no rexistro de plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia)

O que se publica para xeral coñecemento e cumprimento