Escoitar

Caballero congratúlase polo acordo que impedirá ás eléctricas cortar o subministro en situación de pobreza

O alcalde cualificou de "extraordinariamente importante" o acordo asinado por PSOE e PP para retirar ás eléctricas a potestade de cortar a luz sen un informe preceptivo dos concellos que descarte razón de pobreza. Deste xeito, felicitouse porque a proposta que el mesmo defendeu desde a FEMP vaise plasmar nunha reforma lexislativa que impedirá uns cortes eléctricos que, na práctica, teñen os mesmos efectos que un desafiuzamento.

xoves, 22 dec 2016
Caballero felicitouse esta mañá porque a proposta que el defendeu desde a presidencia da FEMP de retirar ás eléctricas a potestade de cortar o subministro eléctrico sen un informe municipal que descarte a situación de pobreza vaise transformar nunha reforma lexislativa. Así o dixo esta mañá nunha rolda de prensa na que insistiu que non se pode tolerar que se lle curte a luz a ninguén por razóns de pobreza, destacando que esa decisión supón na práctica a execución dun desafiuzamento porque non se pode vivir sen enerxía.

Logo de cualificar de "extraordinariamente importante" o acordo entre PSOE e PP -que veu precedido por una reunión do presidente da FEMP co ministro de Enerxía, Álvaro Nadal,-, Caballero advertiu da necesidade de cambiar o reparto do bono social que deberá fixarse por criterios de renda, tomando como referente o IPREM e aplicando o multiplicador que se decida. Na súa opinión, ese é o mesmo criterio que deberán seguir os concellos para prohibir ás eléctricas eses cortes de subministro.